A Consellería de Traballo e Benestar acaba de aprobar o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) de Caramelo, presentado o pasado 11 de maio, ao considerar que "se chegou a un acordo entre a empresa e os traballadores xa que foi apoiado por máis de metade do cadro de persoal, decisión tomada nunha votación celebrada pola maioría da plantilla o pasado 3 de agosto e tras un período de consultas que se prolongou máis de dous meses".
O departamento autonómico subliña que, na documentación entregada nos rexistros da Xunta o pasado día 4 de agosto, inclúese a decisión tomada por 222 traballadores nunha votación na que deron o si ao expediente. Segundo Traballo, esta votación "ten validez legal ao igual que a ten a súa convocatoria" ao abeiro do artigo 77 e 80 do Estatuto dos Traballadores. Segundo Traballo, "dito artigo reflicte que toda asemblea poderá ser convocada ben polos delegados sindicais, ben polo comité de empresa ou ben polo 33% dos traballadores como así sucedeu".
Por tanto, e atendendo á acta notarial previa á votación na que se reflicte que o cadro de persoal está formado por 442 persoas e que votaron a favor a metade máis unha esta resposta é válida e legal, feito confirmado pola Inspección de Traballo nun recente informe. O comité, no entanto, insiste en que son 447 os empregados da fábrica coruñesa segundo os últimos datos facilitados pola compañía. A variación no censo produciuse xusto no día no que se celebrou o referendo convocado por unha parte dos traballadores contrarios á decisión do comité.
Así mesmo, a Consellería de Traballo tivo en conta outros factores á hora de resolver a favor como son o plan de viabilidade presentado pola empresa no que se recolle como necesaria a extinción de 237 postos de traballo para poder garantir o futuro da compañía, que nos últimos tres anos rexistrou máis de 50 millóns de perdas. Ademais, e segundo a información manexada por Traballo e incluída no ERE, a situación económica de Caramelo viuse agravada nos últimos meses, tal e como se reflicte na presentación do pre-concurso de acredores presentado pola empresa o pasado 12 de xuño.
A posibilidade de que, con esta actuación, a empresa poida seguir funcionando foi outro dos factores que levou á Consellería a adoptar esta decisión, unha resolución que ten como obxectivo evitar a perda de máis de 600 postos de traballo (os 442 da factoría da Grela e os traballadores de tendas propias).
A CIG, sindicato maioritario no Comité de Empresa de Caramelo, anunciou hoxe que interporá un recurso administrativo contra a decisión da Consellería de Traballo de resolver favorablemente o Expediente de Regulación de Emprego presentado pola empresa e que afecta a 237 traballadores.
En declaracións a Efe, a responsable da CIG-téxtil, Doures Martínez, considerou "tremendísima e lamentable" a aceptación do ERE por parte da Consellería de Traballo, a quen acusou de venderse aos intereses do capital privado, baseándose nos resultados dun referendo celebrado na sede da empresa o pasado día 3 de agosto á marxe do Comité de Empresa.
Neste sentido, Martínez lembrou que o Comité é o único órgano de representación dos traballadores legalmente constituído e afirmou que a decisión evidencia "con total claridade" que a aceptación do ERE forma parte "dun pacto político".
Así mesmo, informou de que o prazo para presentar este recurso é dun mes a partir da resolución da Consellería, que insistiu en cualificar como unha ilegalidade "histórica e sen precedentes".