Á polémica por unha posible segregación de alumnos segundo a lingua por parte da Consellería de Educación únesen agora as acusacións do PSdeG acerca dunha “posible alteración dos criterios de selección por parte dos centros concertados”.
Os socialistas galegos acusaron onte á Consellería de Educación de estar negociando “coas patronais dos centros concertados” unha modificación do actual Decreto de Admisión de Alumnos para “escoller aos estudantes e poder segregar por clase social”.
Así o explicou en rolda de prensa o portavoz de Educación do PSdeG, Guillermo Meijón, quen cualificou de “barbaridade pedagóxica” a política educativa do departamento que dirixe Jesús Vázquez. “Vaise a complementar a segregación lingüística por outra baseada no poder adquisitivo das familias”, argumentou.
E é que as acusacións dos socialistas prodúcense un día despois de que Educación recoñecese que manexa “moitas opcións”. Segundo adiantou Xornal a consellería ten enriba da mesa a posibilidade de implantar unha segregación light que só tería efecto nos dous primeiros ciclos educativos, en Infantil e en Primaria, “onde os país elixirían a lingua principal para logo ir introducindo ao alumno na outra oficial”.
Deste xeito, os socialistas insisten que, ademais dunha posible segregación por idioma, a Xunta de Galicia estaría a negociar “unha alteración dos criterios de selección de alumnos nos centros concertados”.
O PSOE recordou que “o Decreto de Admisión de Alumnos garante que os centros concertados empreguen os mesmos criterios que os públicos para aceptar aos estudantes”, e alertou de que a Administración galega “pretende facer cambios nos criterios polos que un alumno pode ou non entrar nun centro concertado, co obxectivo de segregar por clase social”.
“Esta negociación oculta estaría relacionada coa posibilidade que baralla a Administración de incrementar as axudas dos concertos para áreas que non están suxeitas a subvencións, como o Bacharelato ou a Formación Profesional”, defendeu o deputado socialista.
Meijón acusou á Xunta de “conceder prebendas e vantaxes de forma arbitraria” ao sector privado fronte aos “recortes na educación pública”. Nesta liña, criticou a concesión dunha subvención a cinco centros concertados que “segregaban aos nenos por sexo”. Concesión que fora retirada polo bipartito e que o actual Executivo volveu a outorgar “coa nocturnidade e a alevosía do verán”.
Pola súa banda, e ao respecto dunha posible segregación lingüística nas aulas, a coordinadora da Executiva do BNG, Teresa Táboas, acusou onte ao PP “de ser un exemplo de cinismo político ao levar un día flores a Castelao e ao outro día falar dunha división dos alumnos atendendo ao idioma”.
En relación a aplicación, por parte da consellería que dirixe Jesús Vázquez, dun modelo mixto de segregación por lingua en Infantil e en Primaria, Táboas recordou que “outros gobernos de ideas máis radicais nin se atreveron a tomar medidas neste sendo”. “Que vai ser o seguinte? Primeiro a segregación por sexo e agora por lingua”, sentenciou a nacionalista.

