O voceiro de lingua do PSdeG, Francisco Cerviño, mostrouse hoxe "preocupado" pola "barbaridade" de que a Consellería de Educación se formule a segregación dos alumnos galegos en función da súa lingua.
En rolda de prensa, Cerviño recordou que numerosos pedagogos e profesores se manifestaron "en contra" da separación de alumnos, xa que se corre "o risco de crear dúas comunidades" -en galego e castelán-un contexto no conviven "dúas linguas tan próximas".
Pola súa banda, o parlamentario do BNG Bieito Lobeira riscou de "intención absolutamente antidemocrática" que "os señores do PP" eliminen "a lingua galega do ensino" ao tratarse dun "dereito democrático elemental do pobo galego".
"A política de austeridade do goberno do Partido Popular lle vale para todo agás para a lingua galega. Se hai que investir diñeiro duplicando centros de ensino e aulas parece que non é un gran problema", lamentou.
Ademais, recordou que unha delegación do BNG asistirá en outubro á asemblea xeral da Unesco, onde presentarán un informe denuncia "para que este tipo de actuacións sexan coñecidos a nivel internacional e saiban na ONU que efectivamente hai un goberno do PP que intenta aniquilar o idioma" e "ao servizo dunha estratexia deseñada dende Madrid".
