Ao respecto dunha hipotética división das aulas en función do idioma no ensino, o portavoz parlamentario do BNG en temas de lingua, Bieito Lobeira, manifestou onte que “se trata dunha intención completamente antidemocrática”. “O galego é un dereito democrático natural do noso pobo aínda que os señores do PP intenten eliminalo”, declarou o nacionalista. Lobeira insistiu no feito de que unha segregación deste tipo non só iría contra a lei “senón que sería inviable economicamente”. “Onde estaría a política de austeridade cando houbese que invertir cartos en duplicar as aulas?”, argumentou. Ademais, recordou que unha delegación do Bloque acudirá en outubro á asemblea xeral da Unesco “para que iniciativas como estas sexan coñecidas”.
