As axudas que agora suspende a Consellaría de Cultura funcionan en dúas direccións. Dunha banda, minguan o esforzo económico que as editoriais teñen que facer para traer ao galego autores de fóra. Da outra, contribúen a introducir noutros mercados os autores de aquí. Na última convocatoria, por exemplo, convivían as versións galegas do turco Orhan Pamuk (O museo da inocencia), o francés Daniel Pennac (Mal de escola) ou o catalán Sergi Pàmies (Se comes un limón sen facer xestos) coas traducións de Manuel Rivas ao búlgaro (O lapis do carpinteiro), Román Raña ao castelán (As metamorfoses do túnel), Antón Riveiro Coello ao italiano (As rulas de Bakunin) ou Xavier Alcalá ao castelán, coa súa triloxía sobre a represión das comunidades protestantes en Galicia. Ademais de poñer o foco sobre os autores e as autoras máis sobresaíntes nas listaxes de vendas a nivel internacional, e a xuízo das escollas que se fixeron en 2008, estas axudas pretendían tamén cubrir os ocos que a literatura galega deixa atrás, sexa no campo dos libros" title="Ir a http://www.xornal.com/search.php3?topic=libros">libros de divulgación ou de ensaio, sexa en xéneros como os da literatura fantástica. A este nicho de mercado, por exemplo, correspondían algúns dos títulos subvencionados o ano pasado, de autores como Sheridan Le Fanu, George MacDonald, Bram Stocker ou Edward Bellamy.
