Un cadro do artista ruso Nicholas Roerich, valorado en 70.000 dólares e que desaparecera do museo de Nova York que honra a súa obra, foi devolto por correo e en perfecto estado á institución, informou hoxe o New York Post na súa edición dixital.
Talung Monastery, un lenzo que desaparecera o pasado xuño do pequeno museo dedicado á polifacética figura de Roerich (1874-1947), regresou o venres ao lugar no que permanecera exposto nos últimos anos, envolvido nun sobre de embalar e a través do servizo de correos de Estados Unidos.
"Pensei que se trataba de correo comercial. Abrín o sobre e todo o mundo empezou a dar saltos [de alegría]", dixo ao rotativo neoiorquino o director do Museo Nicholas Roerich, Daniel Entin, quen, tras recuperar a prezada obra de xeito tan inusual, recoñeceuse "aliviado e sorprendido".
Entin asegurou que "de ningún xeito" esperaba recuperar o cadro, que chegou nun sobre cun cuño dunha oficina postal do neoiorquino barrio de Brooklyn e dun remitente cunha dirección desa mesma zona.
A Policía de Nova York investiga agora eses datos para esclarecer que ocorreu coa obra de arte.
O museo, que conta só con catro empregados e recibe unha media de 25 visitantes ao día, foi obxecto do roubo doutra obra de Roerich o pasado 24 de xuño, cando desapareceu do edificio The Himalayas, un debuxo realizado en lapis durante os anos 30 do século XX e que aínda se atopa en paradoiro descoñecido.
Catro días logo desa perda, os responsables do museo detectaron que Talung Monastery tampouco se atopaba na parede que o acollía ata entón no edificio dedicado ao legado do escritor, artista e filósofo ruso.
As autoridades non puideron aínda esclarecer, nin coa axuda da cámara de vixilancia do edificio, como puideron subtraerse ambas as obras sen que ninguén se decatase.
Entin descartou ao New York Post que os ladróns das obras se atopen entre os escasos empregados do museo, a quen definiu como "un grupo moi unido" de traballadores.
O Museo Nicholas Roerich acolle aproximadamente 200 pezas elaboradas por ese artista ruso, quen morreu en India aos 73 anos e que, ao longo da súa carreira, segundo a entidade, estudou a arte, a ciencia, a espiritualidade e a consecución da paz entre diferentes nacións.
Ademais, Roerich impulsou a protección dos bens culturais e arquitectónicos da humanidade, un labor que foi recoñecida co seu nomeamento ao Premio Nobel en 1929.
