O cloruro de aluminio diluido ao 18% é a composición da vertedura que se produciu esta fin de semana no río Verdugo por un fallo na EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) de Ponte Caldelas. Así o confirmou onte o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, que explicou que o sinistro produciuse de forma “inesperada” pola rotura “dunha peza que une o depósito do coagulante da depuradora coas bombas dosificadoras”. Isto provocou que o líquido tóxico se colara nas verteduras e chegase ao rego fluvial, provocando a morte de “case 150 quilos de troitas e anguías”.
Cores Tourís sinalou que as últimas análises “descartan a contaminación da auga” e insistiu en levantar “a precaución de bañarse”. Asegurou, tamén, que a Xunta vai repoboar as especies mortas, sobre todo a troita, para minimizar a súa mortandade. Ademais anunciou a apertura dun expediente sancionador ao Concello de Ponte Caldelas, ante certas “deficiencias” observadas na estación depuradora.
Porén, o presidente da Plataforma en Defensa do río Verdugo, Alberto Lema, acusou á Xunta e ao Concello de “intentar minimizar a gravidade” da vertedura, advertindo que o impacto “foi moito maior do que din” coa destrución de gran parte da cadea trófica e o fitoplacton fluvial. “Está todo destruído, reos, anguías e salmóns”, lamentou, tras denunciar que “non é verdade” que o río estea recuperado. “Non sabemos se a descontaminación vai a ser cousa de meses ou anos; pero vai levar un tempo”.
Pola súa banda, o alcalde da localidade, Perfecto Rodríguez, explicou que a avaría produciuse cara ás 21.45 horas do sábado, aínda que non foi detectada ata a mañá do domingo, por unha “serie de condicionantes imprevisibles” no sistema de control que é “mellorable”. Rodríguez confirmou que “se vai a traballar en novas medidas de control para que isto non se repita” como un novo sistema de alarma telefónica que avise “inmediatamente cada vez que se produza un fallo en calquera sistema da depuradora”.

