Os representantes do Goberno Galego insisten en que a situación do río Verdugo en Pontevedra está “normalizada”, despois de que o sábado pasado se producira unha vertedura contaminante no rego, procedente da EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) de Ponte Caldelas, composto por aluminio diluído nun 18% que produciu a morte de centos de peixes e a destrución de gran parte da vexetación fluvial.
O conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, asegurou onte que a situación do río está “normalizada” e que a contaminación se está “a superar” tras afirmar que “os últimos datos dispoñibles” sinalan que na auga hai osíxeno disolto, “o dato máis importante e decisivo” nun intervalo de entre un 5,9 e un 6,4 partes por millón, o que ao seu xuízo lle otorga á auga unha calidade “aceptable”, mais “non boa”.
O titular do devandito departamento defendeu a “inmediata” resposta de Augas de Galicia que “actuou rapidamente, coa primeira alerta” e afirmou que a vertedura foi “un terrible accidente” que “pode ocorrer en calquera instalación” do tipo da depuradora.
Namentres, o Concello de Pontevedra mantén a súa recomendación de non bañarse na praia fluvial de Ponte Sampaio, nas aforas da cidade, bañada polo Verdugo. “A Xunta non nos comunicou nada que indique o contrario”, aseguraba onte o concelleiro de Obras pontevedrés, Cesáreo Mosquera, que calificaba de “pouco transparente” a actuación do delegado da Xunta, Xosé Manuel Cores Tourís, e do alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, polas informacións que ofreceron sobre a vertedura, explicando que ambos os dous representantes “intentaron ocultar e deixar que se diluíse co tempo” a orixe e as causas do incidente. Mosquera foi moi crítico coa actuación das dúas administracións ás que acusou de “falta de dilixencia” e de “comportamento improcedente” pois nun sinistro deste tipo “o mínimo que se pode facer é informar en tempo real”. O edil pontevedrés valorou a actitude de veciños e mariñeiros que “informaron a Augas de Galicia e o Concello de Pontevedra en canto coñeceron a situación”.

