O curso trazado polo río Sil nas provincias de Lugo e Ourense foi aproveitado ao longo da historia polos distintos moradores da zona para sacarlle proveito. Os romanos descubriron, agochados nas pedras do río, ouro para levar á metrópole. Os que se quedaron a vivir aproveitaron as ribeiras para plantar vides e facer viño. Entre tempo e tempo, a auga do Sil atopou un novo conquistador: a electricidade. Na década dos 50 e dos 60 do pasado século, toda a zona foi obxecto de estudo para construír encoros que enrolarían a cerca de 3.000 persoas. As condicións xeográficas eran as axeitadas para, con cemento e formigón, parapetar a auga e intervir no Sil, levar, vender e alumear as casas de lonxe. Porque o rural galego tardou en beneficiarse.
Na Ribeira Sacra hai catro en funcionamento, os mesmos que puxeron en marcha a finais dos anos 50. O primeiro deles é o salto dos Peares que explota Unión Fenosa, Belesar, en Chantada, da mesma compañía, mentres que Iberdrola se encarga de Santo Estevo e San Pedro. A súa construción durou varios anos e contou co beneplácito do goberno da época. O Xeneral Franco asistiu persoalmente a todas as inauguracións e empresas, e dende a administración sentíanse orgullosos das obras levantadas.
Os veciños do lugar lembran como antes non “había tantos trámites e todo o mundo estaba contento”. José Lorenzo viviu o proceso de implantación e non dubida en asegurar: “Para moitos foi unha bendición, porque expropiaron as terras que estaban a monte e aínda por riba pagábanas ben”.
Se os encoros xestionados por Unión Fenosa (Belesar e Peares) seguen nas mans da mesma compañía, os de Iberdrola cambiaron porque a explotación iniciouna Saltos del Sil, logo Iberduero e finalmente Iberdrola. A compañía vasca foi ampliando o seu capital e o que nun primeiro momento estaba en mans de galegos, agora é dos vascos. Tamén houbo cambios en Unión Fenosa, controlada polos cataláns de Gas Natural, e xa totalmente desvencellada da familia do Conde de Fenosa. As testemuñas despexan calquera dúbida. A explotación do Sil encheu de esperanza aos habitantes da Ribeira Sacra. Para moitos deles supuxo levar un salario a casa nunha zona empobrecida e descoidada. Tamén as aldeas viron como as vellas corredoiras de terra eran asfaltadas con cemento.
UNHA ALTERNATIVA Á EMIGRACIÓN
Traballar no salto converteuse na alternativa real á emigración, e segundo se desprende dos datos rexistrados nos concellos, preto de 3.000 persoas foron contratadas, chegando a afiliar a mil traballadores dunha soa vez.
A situación mudou a partires dos anos 90. A progresiva modernización dos controis das centrais e o proceso de redución de custos por parte das eléctricas reordenou o sector. Os encoros xa non empregan a centos de persoas, e non son máis de vinte os que traballan a pé de obra porque todo se xestiona, no caso de Unión Fenosa, dende Velle, en Ourense, mentres que na Rúa de Valdeorras está situado o centro de operacións de Iberdrola.
Pola contra, as centrais seguen a producir electricidade e a ocupar unha posición central nas respectivas divisións das compañías. Na actualidade, o encoro de Santo Estevo ten unha potencia de 300 megavatios e o de San Pedro de 48. Esta potencia instalada quédase escasa para as necesidades enerxéticas, e a decisión do Goberno estatal de rexeitar as centrales nucleares favorece que as empresas do sector queiran aproveitar ata o último recurso. Segundo un dos enxeñeiros de Iberdrola, “ao Estado non lle queda máis remedio que autorizar a explotación e aproveitamento dos ríos, porque o que hai non chega”. Neste sentido as compañías comunicaron ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino a súa intención de aproveitar “a auga que se perde” nos actuais encoros. Iberdrola deu o primeiro paso e xa está en fase avanzada a construción de minicentrais en Santo Estevo e San Pedro.
A primeira das actuacións suporá unha ampliación de 176 megavatios de potencia engadidos aos da central en funcionamento. Trátase dunha construción en caverna que aproveita o encoro xa existente. A mesma operación realizarase en San Pedro, cun incremento en 116 megavatios sobre a potencia xa instalada.
Na mesma zona, a hidroeléctrica ten previsto construír en Santa Cristina unha central de bombeo puro cunha potencia de 692 megavatios. O orzamentado para todas estas actuacións alcanza os 480 millóns de euros, que no caso de Santa Cristina chegarán no ano 2016.
A outra compañía con intereses na zona, Unión Fenosa, tamén ten intención de aproveitar “a auga que se desperdicia”. A empresa comunicou á administración central a súa intención de ampliar a capacidade dos dous encoros, e os trámites iniciáronse e atópanse na fase administrativa de anteproxecto. Distintas organizacións ecoloxistas xa presentaron alegacións por entender que as futuras actuacións poñen en perigo a biodiversidade da zona. Neste momento o encoro dos Peares, construído en 1955, ocupa unha superfice de 535 hectáreas; mentres que Belesar, levantado en 1963, ten unha capacidade de 655 hectómetros cúbicos. As obras, segundo a empresa, servirán para gañar en rendemento hidráulico e optimizar os recursos.
Mentres as compañías preparan a documentación e as administracións resolven, partidos políticos, grupos ecoloxistas e cidadáns observan de preto o proceso que se está a desenvolver en plena Ribeira Sacra. A propia Xunta asegura estar vixiante, e recoñece agora que o número destas centrais é xa elevado no destino de turismo rural máis importante de Galicia. Ademais a posibilidade de converterse en Patrimonio da Humanidade, como se propón o Goberno galego, corre perigo polas alteracións que pode sufrir o medio ao executar as obras previstas, tal e como lle recoñeceu un responsable da Unesco a Xornal.
