O 29 de xullo de 2008, a Secretaría Xeral de Comunicación da Consellería de Presidencia da Xunta repartiu axudas por valor de 315.808 euros para a organización de 25 festivais de cine en toda a xeografía galega. O verán é a data habitual para recibir noticias destas subvencións, pero este ano, os responsables están aínda a agardar, aínda que segundo Diego González, do equipo administrativo do Festival Internacional de Cine de de Ourense, “polo que se sabe, non haberá convocatoria en 2009”.
Co cambio de goberno, estas subvencións deixaron de ser responsabilidade de Presidencia e pasaron a mans de Cultura, consellería que aínda non se pronunciou sobre elas pero as organizacións dos eventos cinematográficos non teñen xa esperanza de velas este ano e amosan a súa intención de seguir adiante aínda sen poder apoiarse na Xunta.
En 2008, o Festival de Ourense recibira 68.000 euros destas axudas, máis que ningún outro. Diego González di que a edición deste ano, que se celebrará entre o 10 e o 17 de outubro non corre perigo, xa que está organizada por un consorcio público e o Concello e a Deputación de Ourense “expresaron o seu compromiso de facer todo o posible para cubrir os cartos que faltan”. Sinala tamén que “todos os outros compromisos adquiridos co bipartito mantivéronse agora” e lamenta que “en tempos de crise, a cultura é o primeiro que sofre recortes”.
Máis apuro pasarán no Play-doc de Tui (Pontevedra), un festival especializado en documentais que adquiriu un grande prestixio nos seus cinco anos de vida, e que reuniu a máis de 35.000 persoas na súa última edición, en marzo deste ano. Ángel Sánchez Cardel, director deste evento sinala que os 40.000 euros que lles achegou a Xunta en 2008 serviron “para pagar máis do 40% dos gastos” e, se ben garante que haberá unha edición 2010 do Play-Doc, non descarta ter que aplicar recortes na programación.
“Nestes momentos estamos a pensar como presentar edición do ano que vén. Vai ser duro, porque contabamos coas axudas, pero temos o apoio da vila de Tui e intentaremos conseguir patrocinadores privados”, explica Sánchez, que asegura non entender a desaparición dunha convocatoria “perfectamente transparente” coma esta
A TRANQUILIDADE DAS GRANDES CITAS
Outro dos grandes beneficiados en 2008 foi o Festival Amal de Cine Euro-Árabe, que se celebra en Santiago e que recibiu 37.000 euros. Dende a Fundación Araguaney, organizadora do evento, lamentan o recorte pero din non estar preocupados, porque a vindeira edición “está xa programada e seguirá adiante con independencia”.
A mesma tranquilidade amosa Jose Luis Losa, director do Cineuropa de Santiago, unha cita con máis de 20 anos que se celebrou por última vez en novembro de 2008, cuns 20.000 espectadores. Losa comenta que non tiveron subvención desa vez porque cometeron “un erro administrativo”, pero este ano si pensaba presentarse á convocatoria e está sorprendido pola súa ausencia.
“Agardo que se convoquen de forma aprazada, como un mal menor”, di o director de Cineuropa, esperando o mesmo anuncio que a Xunta fixo coas axudas á tradución literaria, xa oficialmente pospostas. Di tamén que “non é o momento de buscar culpables, pois o anterior goberno tamén podía deixalas convocadas en abril, como fixo coas subvencións para rodaxes” e confirma que Cineuropa 2009 celebrarase con ou sen elas.
Porén, recoñece que serán os festivais máis pequenos os que poden sufrir as consecuencias deste atraso nos cartos públicos, eventos de dimensión local que contribúen a vida cultural de vilas e aldeas.

