A delegación da Xunta en Pontevedra asegurou onte que Augas de Galicia está a realizar análises diarias do río Verdugo para coñecer o seu estado tras o vertido de hai semana e media.
As probas analizan tanto a conductividade como o PH e o oxíxeno disolto. Con todo, esta entidade non pode valorar se a auga é apta para o baño –tal e como pide o concello de Pontevedra– xa que se trata dunha labor que corresponde á consellería de Sanidade.
Augas de Galicia xa remitiu o pasado venres ao Goberno municipal un informe sobre as analíticas das zonas de baño e nel indicaba que as dúas praias fluviais “non se viron afectadas polo vertido”. Tamén indica que hai outras dúas partes pertencentes ao municipio de Vilaboa nas que “non se detectaron anomalías destacables”.
