O presidente dá Xunta, Núñez Feijóo, confirmou onte que o Goberno galego autorizou a implantación dun total de 70 graos no Sistema Universitario de Galicia (SUG), que completan a adaptación “do 50 por cento de titulacións” ao Plan Boloña e que alcanzará o “cento por cento” no curso 2010-2011.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo destacou o apoio do Executivo a que as universidades galegas “adecúen a súa oferta á das europeas” e o “compromiso de cumprir os prazos estritamente” e de “solucionar o atraso existente en Galicia”, que agora conta só con cinco titulacións adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).
Así, do total de 70 novos graos, un total de 22 corresponden á Universidade de Santiago de Compostela (USC); 24 á Universidade da Coruña (UDC); e outros 24 á Universidade de Vigo. A Xunta considera que o deseño de novas titulacións e especialidades “debe enmarcarse nun sistema máis aberto, diverso e versátil” para “favorecer unha mellor adaptabilidade a unha realidade laboral cambiante”.
O goberno galego asegura que o proceso de implantación dos novos títulos de grao “debe permitir o deseño dunha oferta global, cun eficiente aproveitamento de recursos para mellorar a calidade do Sistema Universitario Galego”. O punto de mira está posto en reducir o número de carreiras duplicadas nas tres institucións de ensino superior, así como nos distintos campus dentro dunha mesma universidade.
Na primeira fase de implantación do modelo de Boloña en Galicia, que comezou o ano pasado, autorizarase só a conversión en graos das titulacións que estaban presentes nun único campus. Agora, a opción está aberta para todas as carreiras que cumpran os requerimentos, as outras terán que agardar un ano.
VIGO RECIBE A ESCOLA NAVAL
Por outro lado, o Consello da Xunta autorizou a adscrición do Centro Universitario da Defensa da Escola Naval de Marín (CUD) á Universidade de Vigo, que “era un compromiso do Goberno galego” e que se produce tras a sinatura dun convenio entre o Ministerio de Defensa e a propia Universidade.
Así, prevese que o CUD empece a funcionar co primeiro curso da titulación de grao en setembro de 2010 e a súa implantación “será progresiva”, un curso máis cada ano, ata que a titulación poida impartirse completa para 2013.
O número máximo de prazas de matriculación será de 120 no ano 2010. Cando remate o proceso de implantación está previsto que entre todos os cursos haxa un máximo de 500 alumnos. Para entón, o número de profesores será de “entre 36 e 40”, dos que polo menos o 60% traballará a tempo completo. Iso dá unha media dun mestre cada “12 ou 13 alumnos”, segundo asegura o Goberno Galego. En 2010, a Xunta conta con que un 50% do profesorado estea xa incorporado.
Como parte do acordo asinado, o adecuado funcionamento do CUD será financiado pola Universidade de Vigo e polo Ministerio de Defensa, e gozará de partidas extraordinarias para garantir a súa adaptación ao plan Boloña.

