>> O museo Rijks de Amsterdam descobre que unha das súas pedras lunares é de madeira
>> O valor da peza non chega agora aos cincuenta euros
>> Foi un obsequio dun político estadounidense a outro holandés no ano 1969
O mito da pedra lunar esboróase. Era un pau. Simple madeira. O Museo Rijks de Amsterdam descubriu que unha pedra lunar da súa colección, que pertenceu a un ex primeiro ministro holandés, Willem Drees, e que estaba asegurada en 50.000 euros, é en realidade un anaco de madeira que non vale máis de cincuenta euros, segundo anunciou onte.
O museo nacional, que exhibe obras dos grandes mestres da pintura holandesa, publica este descubrimento nun artigo da súa revista de arte, Oog, que onte saíu á venda nos quioscos.
O directora xefe desa publicación e coordinadora da investigación sobre a pedra, Sandra van Helder, declarou onte a Efe que a pinacoteca está “sorprendida” co achado, xa que a peza foi doada directamente en 1991 por familiares do ex primeiro ministro Willem Drees, que estivo á fronte do Goberno de Holanda entre 1948 e 1958.
“Expuxémola dúas veces e dende un principio pensamos que era real porque estaba en posesión de Drees e mesmo ía acompañada dun cartón do embaixador estadounidense (William Middeldorf), que lla entregou ao ex primeiro ministro en 1969”, explicou a xefa de Ogg, Van Helder.
As dúbidas sobre a súa autenticidade empezaron cando o museo ensinou a pedra a expertos espaciais, quen indicaron que era pouco probable que a agora famosísima peza procedese da Lúa.
Os expertos argumentaron que dado que a primeira viaxe á Lúa fíxose en 1969 –o mesmo ano en que se entregou a peza ao político holandés–, e xa que nesa viaxe se trouxeron moi poucas pedras lunares, sería moi raro que unha rocha “dese gran tamaño” se dese como obsequio, explicou Van Helder.
O obxecto “ten o tamaño dunha caixa de mistos, e aínda que para nós é pequeno, sería demasiado grande tratándose dunha mostra procedente da Lúa”, aclarou.
As dúbidas disipáronse completamente ao finalizar unha investigación –iniciada hai dous meses– sobre a peza e realizada pola Universidade Libre de Holanda (VU), que tras rigorosas análises constatou que se trataba dun anaco de madeira petrificada.
“Non hai madeira na Lúa”, ironizou Van Helder, que recoñeceu que o museo descoñece por que o diplomático regalou ese obxecto a Drees. “O ex primeiro ministro, que xa non ocupaba o seu cargo cando se lle entregou a peza, xa faleceu e o embaixador norteamericano, con 84 anos, non se acorda de moitas cousas, polo que seguirá a senr un misterio a razón de tal obsequio”, segundo recoñeceu a holandesa Van Helder.
