A Xunta de Galicia está a planificar unha “xestión conxunta” dos voos dos tres aeroportos galegos, co fin de facer da comunidade autónona “un destino único” con tres terminais. Para iso, manterá unha serie de reunións ao longo das vindeiras semanas cos representantes dos concellos onde se atopan os aeródromos: Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.
Segundo explicaron dende a Consellería de Cultura e Turismo a Xornal de Galicia, o primeiro encontro será o vindeiro 3 de setembro; o segundo, o día 17, e o terceiro nunha data aínda por determinar.
Ademais dos Executivos locais, acudirán compañías aéreas, aínda que o Goberno galego non desvelou os seus nomes. Tan só indicaron que a liña irlandesa de enlaces low cost –de baixo custe– Ryanair “foi a única que non deu resposta” ata o momento sobre se vai acudir ou non aos encontros.
Os obxectivos marcados pola Consellería e a Secretaría xeral de Turismo para estas reunións son, principalmente, lograr a “xestión conxunta” dos voos para facer de Galicia “destino único”. Para iso, tamén tratarán de “crear complementariedades” entre as ofertas de enlaces das tres bases aéreas e “eliminar competencias” entre Lavacolla, Peinador e Alvedro.
Ante as críticas realizadas dende o concello de Santiago nas últimas semanas tras desvelarse que Lavacolla podería deixar de recibir as axudas a liñas de baixo custe ata agora habituais, –e que pasaría a repartir máis dun millón de euros entre as tres terminais– a Xunta insiste nesta idea de que o seu “obxectivo” é facer da comunidade un “único” centro a nivel aeroportuario.
“As dúas cabezas visibles, a Consellería de Cultura e Turismo e a Secretaría xeral para o Turismo saben o que queren e o que buscan”, indican dende o Goberno galego. Así pois, sinalan que “as primeiras conclusións sacaranse” tras o encontro inicial, que se levará a cabo o 3 de setembro e no que se pretende debuxar “as liñas de acción”.
Ata o de agora, a Xunta centraba as súas axudas en materia de voos de baixo custe no aeroporto de Lavacolla, que en 2009 moveu a 1,9 millóns de pasaxeiros fronte aos 1,2 de Peinador e os 1,7 de de Alvedro.
O Goberno galego, a través de Turgalicia, iniciou estes acordos coa empresa municipal turística de Santiago, Incolsa, no 2005. Nese ano, aportou 244.000 euros, unha cifra que aumentou ata os 782.000 euros en 2006 e que no 2007 chegou a1,2 millóns. A última partida, a de 2008, supuxo un desenvolso de 1,5 millóns.
Estas axudas están destinadas principalmente ás liñas low cost, e actuamente vense beneficiadas do acordo Vueling, Air Berlín e Ryanair. Esta última, foi a compañía que xenerou o importante crecemento de pasaxeiros nos últimos anos en Santiago.
No caso de Vigo, ata agora tan só existe un acordo verbal do concello coa Xunta para recibir subvencións para a liña que une a cidade olívica con Londres, a través da compañía Clickair.
Mentres, na Coruña hai compañías que tamén reciben axudas, pero grazas a acordos coa corporación local. No último acordo que se asinou en 2008, Clickair viuse beneficiada con 2,4 millones; a aerolínea portuguesa TAP con 216.000 euros; e Spanair, con 420.000 euros.
Pero esta situación pode variar tras as negociacións cos concellos e as empresas que a Xunta abrirá o 3 setembro, co obxectivo de acabar coa competencia entre os tres aeroportos.
Non se entende que sexamos unha autonomía pequena e teñamos 3 aeroportos, 3 universidades... todo multiplicado por 3, sobre todo os custes que se multiplican por 3 sen que os beneficios se multipliquen. De feito, os beneficios son menos porque non temos voos directos a ningures. Temos que pasar por Madrid ou Barcelna para todo. Se tivéramos 1 aeroporto teríamos conexións directas con moitas cidades porque a emigración e o turimo xerá moitos pasaxeiros que, concentrados, farían rentables os voos de conexións directa con todas as capitais europeas e latinoamericanas. Iso é o que está a facer o aeroporto de Porto, que acolle a todos os galegos que queremos ter conexións directas e viaxar a Brasil ou a Berlín sen ten que parar e perder tempo en Madrid, Barcelona ou Palma de mallorca. Un pouco de raciocinio sería bo para erguer 1 aeroporto conectado por buses e tren con toda galicia.

