>> Cristiáns, xudeus e musulmáns conviven na Festa da Istoria de Ribadavia
>> Veciños e visitantes da vila ourensá disfrázanse para volver ao medievo
>> Cetrería, música, artesanía e gastronomía convocan miles de persoas
Os pendóns e gallardetes anuncian que Ribadavia volve temporalmente á Idade Media. Os reis Don Pedro e Dona Ana, vixiantes, están na praza Maior, e os nobres confúndense cos mendigos, cos xudeus e cos comerciantes. Na capital do Ribeiro o tempo vira cara a atrás e reclama caprichoso esa etapa histórica onde cristiáns, xudeus e musulmáns convivían en perfecta sintonía. A vila está de festa, os veciños saen á rúa vestidos cos seus mellores traxes, aínda que todos non leven as mesmas costuras. Dende a mañá cedo prepáranse para ir de posto en posto e picando daquí e de alá. O primeiro que fan é ir buscar cartos, o medio de pago é o maravedí, logo colocan as cofias, os moños e incluso levan os animais de compaña que parecen ter mellor pelo.
Non hai ningunha casa sen limpar nin preparar. Todo parece programado para uns días onde se mesturan os cantos das pandereteiras coas coplas sefarditas. De todo se escoita e de todo se ve. A primeira hora do sábado tivo lugar a voda xudea. Baixo palio os contraentes recorreron as rúas perfectamente ataviados e limpos para achegarse á sinagoga onde o rabino foi testemuño da unión e onde os prometidos deron voltas para cumprir coa tradición do profeta Isaías. Os cristiáns miraban sen alporizarse e os musulmáns, respectuosos co sagrado, resolveron unirse á celebración para gozar das mellores viandas.
Noutros rincóns da vila os comerciantes ofrecían produtos artesanais como copas de madeira, carteiras ou colgantes, e os ribadavienses tamén aproveitaban para ofrecer augardente, licor café, e os restos da matanza do porco, cociñados ou non.
Ribadavia cre e vive por uns días na Idade Media e transmite esa convicción aos que se achegan doutros recantos do país. Dende A Coruña nove amigos trasladáronse para festexar o compromiso de voda dun deles. Todos viñan vestidos e todos bebían e pagaban o que bebían nas copas de madeira con maravedís. Dende Vigo, Olga e Eva non querían perder a posiblidade de asistir aos xogos protagonizados por galantes templarios e desexaban converterse en obxectivo do mellor cortexo.
O día avanzaba e os reclamos da festa foron in crescendo. A demostración de habilidades concitou a atención da morea de xente que enchía os espazos públicos. Trátabase dun espectáculo de loita con espadas e outro de cetrería. As espadas afiadas polos vellos ferreiros e os falcóns listos para cazar. Os presentes, co xarro de viño na man, berraban e encirrichaban os participantes para que demostrasen talentos como os da loita e a perseverancia.
Os máis pequenos debuxaban no chan e enchíanse de terra, mentres miraban de esguello como as donas paseaban e os cabaleiros envalentonábanse ao ser observados por damas tan novas e solícitas.
A música sonou durante toda a xornada e a recreación dos instrumentos medievais fabricaba as mellores notas que producían melodías recoñecibles para visitantes e foráneos. Os que están non se cansan de dicilo. “Cando vés, repites”.

