Os prezos do leite caeron un 37% en España entre xuño de 2008 e 2009, mentres que na media dos 27 países da Unión Europea (UE) reducíronse un 27% aproximadamente, segundo os últimos datos sobre este sector manexados pola Comisión Europea (CE). En España, o prezo do leite situouse en 27 euros/100 quilogramos en xuño, mentres que na cotización media deste produto na UE foi de 24,3 euros/100 quilos. O prezo español foi o sexto máis alto entre os estados comunitarios, por detrás do alcanzado en Chipre (50,7 euros/100 quilos); Finlandia (37,7); Grecia (37,2); Italia (32,5) e Portugal (28). Por outra banda, o ministro francés de Agricultura, Bruno Le Maire, anunciou onte que Francia e Alemaña proporán o próximo día 7 no Consello de ministros de Agricultura da Unión Europea unha “nova regulación europea do mercado leiteiro”. Lembrou que a crise do sector leiteiro é europea e mundial, non só francesa. “Estamos decididos a construír unha nova regulación europea” que impida que só funcionen “as forzas da competencia”, subliñou.
