Cunha distancia por medio de apenas 200 metros, nas festas de San Campio na parroquia viguesa de Valadares conviven dúas formas totalmente distintas de entender a xoldra e a arte. Mentres que no adro da igrexa imperan as charangas, as atraccións e os típicos postos de feira, na fermosa finca do veciño Carlos, onde o colectivo Alg-a estableceu o seu laboratorio, desenvólvese un festival alternativo que dá cabida ás tendencias máis innovadoras do panorama artístico, tanto no eido do teatro, a música, o audiovisual ou a informática.
Esta curiosa coexistencia comezou hai uns poucos meses cando Alg-a andaba ás voltas na procura dun lugar no que establecer os módulos que lles cedera o arquitecto sevillano Santiago Cirugeda había case un ano porque estaban “empantanados” ante a “falta de resposta institucional” ás peticións que o colectivo lanzaba á Xunta en canto á cesión dun terreo “de apenas 600 metros”, explica Roi, un dos encargados da organización do festival Alg-a OFF.
Chegados a este punto, a asociación decidiu seguir o camiño da “autoxestión” e nos xornais galegos comezaron a proliferar os anuncios referentes á procura do lugar para se estableceren. “Entón foi cando a figura de Carlos apareceu nas nosas vida”, recorda Roi cun grande sorriso nos beizos. “Púxose en contacto con nós e decidiu cedernos este terreo, dunha forma totalmente desinteresada, por un período de tempo de dez anos prorrogables”. A finca, ademais dunhas vistas magníficas e dun piorno e de todos os contedores cedidos por Cirugeda, conserva certas partes dunha antiga casa de pedra e a estrutura completa doutra construción posterior, iniciada hai máis de corenta anos e que, por diversos motivos, nunca chegou a rematarse.
“Ante a colaboración de Carlos, nós comprometémonos a participar co centro veciñal e cultural da parroquia e así comeza a nosa relación cunha xente que sempre nos deu moi bo trato”.
Deste xeito, ante a inminente chegada das festas grandes de Valadares, Alg-a albiscou unha oportunidade para programar unha axenda de actividades alternativas, aproveitando o pulo da celebración veciñal a só 200 metros do seu territorio. Novamente, a man de Carlos volveuse estender para poñer en contacto os seus inquilinos coa comisión de festas. “Aos organizadores pareceulles unha idea moi boa e, tras unha reunión, decidiron facilitarnos medios técnicos dos que nós non dispoñíamos coma baños, tarimas, un plus de electricidade e unha pequena cantidade de cartos”.
Lía, unha das actrices que deron vida á obra teatral para nenos Barba azul e acabada de incorporar en Alg-a, conta que os veciños do centro cultural incluso se comprometeron a ceder as duchas do mesmo aos artistas que acudisen á parroquia nos días que durase o festival. “Estes de Valadares son un pouco xíbaros pero moi boa xente”, bromea a actriz coruñesa.
UNHA AVOA 'HEAVY'
O certo é que o resultado que emerxe desta coexistencia pacífica satisface enormemente a ambas partes. “Nós sempre procuramos falar cos veciños e motivar as relacións persoais”, explica Roi. “A acollida, polo xeral, é boísima. Onte mesmo reunimos aquí unha gama de xente de todas as idades para ver aos grupos heavy, incluso unha señora de oitenta anos que permaneceu sentada na aira durante todos os concertos”.
O certo é que a finca se presta sobradamente para animarse a ficar nela e relaxarse a absorber todo aquilo que Alg-a presenta. Cunhas vistas privilexiadas ao val e unha extensión que favorece a harmonía entre os diferentes actos, a aira dá cabida aos xogos dos nenos, ao traballo dos alg-as e ao descanso daqueles que sobre a herba ou no piorno prefiren reservarse para a celebración nocturna.
Maricarmen é unha veciña de Valadares que afirma sentirse “moi contenta” ante a chegada dos artistas. “Fan cousas un pouco raras pero verdadeiramente interesantes. Ademais, estas cousas sempre son boas para que veña a xente coñecer as nosas festas e a nosa parroquia”, afirma.
MESTURA DE IDADES E ESTILOS
Porén, tamén existe xente á que lle custa máis animarse a pasar polo festival alternativo. “Sei que están aí porque vexo os carteis e a rapaces con pintas estrañas–comenta outra veciña–, pero aínda que non me molestan, eu non me vexo nun lugar coma ese”.
Malia a isto, o certo é que Alg-a conseguiu reunir xente de todas as idades e estilos, con actividades dedicadas aos máis pequenos, coma as pezas de teatro infantil ou as ludotecas, e outras de intensa profundidade, que acuñaron representacións coma a que protagonizou a alaricana Noemí Rodriguez.
En canto aos concertos, estes percorreron estilos tan diversos coma o punk, o rock, o heavy, a electrónica, os ritmos latinos ou os sons mais puramente experimentais. Ademais, o bar espontáneo montado na vella casa de Carlos logrou seducir os asistentes cuns "prezos populares" e cuns produtos que oscilaron dende o sempre presente licor café até a empanada.
