Un ano máis, e van xa 23, a Sociedade Cultural e Desportiva do Condado (SDC) organiza en setembro o seu Festival de Poesía, unha cita que combina a lírica coa música, as festas populares e a troula sen adobíos, e que os autores galegos agradecen como un escaparate para darse a coñecer, baixo a ollada directa do público.
O compromiso desta edición vén por partida dobre, polo que indica o lema do festival , “Outro mundo é necessário. Construamos a alternativa”, e polo feito en si de que o evento poético siga adiante, a pesar que de a Consellería de Cultura reducise considerablemente a súa achega, e de que o Xacobeo a fixese desaparecer. Manolo Soto, voceiro da organización, explica que dos 49.000 euros que custa facer o festival, a administración autonómica achega uns 2.000, mentres que o ano pasado aportara 12.000 e sufragara a contratación dalgúns concertos. O recorte en tempos de austeridade fai que a cita do Condado quede en dous días en lugar de tres, pero segue adiante “grazas ao apoio dos veciños, do Concello de Salvaterra e das empresas”.
Alberte Momán, un dos poetas participantes, agradece a existencia desta festa “lonxe das cidades” para dar a coñecer o momevento literario do país, ao igual que Mario Regueira, que louva a “visibilidade” e a dimensión popular do Festival do Condado Hoxe comeza a partir das 19,30 horas, coa inauguración das exposicións de pintura e fotografía na Casa do Conde e na Cova de Dona Urraca. Neste último lugar proxectarase tamén o documental Mulheres da Raia, de Diana Gonçalves, ás 22.30 horas, e as 23.30 comezará o concerto de Covalblu e Turres Band, para o que xa case non hai entradas, e as que quedan valen 10 euros.
Mañá, sábado, será o día grande, co Condado atravesado por un tren de baixa velocidade que explicará a súa historia, monumentos e paisaxes, en semellanza coas grandes capitais. Pola tarde, proxectaranse as curtametraxes gañadoras no Festival de Cans, ás 19.00, nas Covas, e ás 20.30 terá lugar o Festival poético musical na zona das murallas, presentado por Carlos Blanco. Lerán os seu versos Anxo Angueira, Xabier Xil, Susana S. Aríns, J. Alberte Corral, David Pobra, Mario Regueira, Dores Tembrás, Carlos Santiago, Brais González, Manolo Pipas, Filipa Leal, Oscar Mourave e Alberte Momán. E tocarán a súa música Covalblu, Quempallou, Skacha, Jon Luz e os Dj’s de Rebeliom.
4 e 5 de setembro
VARIOS ACTOS
Todo o día
Salvaterra do Miño