“Se fose prudente, debería rematar aquí, pero cos anos un vaise facendo un pouco imprudente”. O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Ramón Barreiro, viña de recoller de mans do titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o premio ‘Casa dos Poetas’ que a Fundación Curros Enríquez concede a persoas e institucións destacadas na promoción da cultura, cando decidiu ir alén do protocolo.
Diante dun auditorio ateigado de representantes da cultura e da política –entre eles, o Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez– e baixo a atenta mirada de Feijóo, Barreiro optou por “aproveitar un dos poucos púlpitos que agora –enfatizou– ten o presidente da RAG” para chamar a atención sobre a “crispación” que, di, vive Galicia en torno ao idioma.
Dende o punto de vista do académico , a institución “non pode gardar silencio nin mirar para outra parte” cando dende a Xunta “se toman decisións e se fan decretos” que afectan ao futuro do galego “de costas” á propia RAG que, lembra “é, por norma, responsable do coidado da lingua galega”.
Nun contexto no que, subliña, “non foi a RAG, señor presidente, quen removeu as augas”, Barreiro cargou as tintas para describir o “desasosego” que na actualidade xera unha cuestión, a lingüística, que “parecía asentada” nos últimos anos.
Mentres o xesto de algúns dos integrantes do PPdeG que ocupaban o patio de butacas adoptaba unha expresión de sensible incomodidade, o máximo dirixente da Academia apuntaba que, malia a“non ser quen” de “dicirlle ao poder político o que ten que facer”, a súa calidade de “representante dunha institución que ten responsabilidades sobre o idioma” obrígao a lembrar que “os poderes públicos non deben crear problemas” no eido lingüístico.
Nunha xornada que comezara co propio presidente da Xunta participando nunha ofrenda floral ao literato celanovés Celso Emilio Ferreiro e ante un retrato de Curros Enríquez, Xosé Ramón Barreiro tirou de metáforas para convidar aos asistentes a aproveitar a súa presenza en Celanova, “que aínda conserva as virtudes do gran poeta”, para facer algo semellante “aos miles de persoas que van abrazar ao Apóstolo, o 25 de xullo, para que lles transmita sabedoría”.
Co obxectivo de que “ás autoridades aquí presentes” se lles “comunique algo” da “quentura” dos poetas nados na vila, Barreiro instou ao auditorio a “seguir sendo rebeldes para loitar pola liberdade, a democracia” e unha cultura galega que sen a lingua aparece desmembrada”.
Antes de concluír o seu discurso, o dirixente académico dirixiuse novamente aos “políticos e intelectuais” para salientar a “obriga” que, afirma, a súa posición trae consigo a respecto de “transmitirlles ás novas xeracións a nosa cultura, sen minorizala nin rebaixala”.
Unha nova advertencia sobre a necesidade de “non crear problemas co idioma” serviron como conclusión a un discurso que concluíu entre unha sonora ovación, e con parte do público –entre eles, un dos fillos de Celso Emilio Ferreiro–, posto en pé.
Cun leve sorriso nos beizos, o presidente da Xunta optou por manter o guión e, logo da reprimenda pública de Xosé Ramón Barreiro, pronunciou o discurso previsto, no que, ao contrario do sucedido noutros actos deste tipo, evitou afondar na polémica lingüística.
TON INSTITUCIONAL
Cun ton marcadamente institucional, Feijóo combinou as loubanzas á RAG como “depositaria da memoria” do país coa lembranza ao carácter de “himno contra os dictadores” que, di, adquiriu un dos poemarios emblemáticos de Celso Emilio, Longa noite de pedra.
Deixando de lado as fortes críticas de Barreiro, o titular da Xunta gabouse do carácter “plural, amigable e sen dogmatismos” dunha Galicia que, di, ten na RAG un factor “imprescindible para existir como país unido”.
Así e todo, a visión ofrecida por Feijóo, da Academia como “faro espiritual da nosa cultura” non convenceu a algúns dos populares que, aínda molestos polos reproches de Barreiro, criticaban, entre a música do cuarteto de gaitas que pechou o acto, que “agora se permita todo” nun acto encabezado polo presidente do Goberno galego.