O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, defendeu onte a “legalidade” das axudas concedidas pola Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) e a inocencia do seu director, Juan Carlos Fernández Fasero, que “respecta” a Lei de Incompatibilidades. Tras a denuncia ante o pleno do Parlamento, por parte da deputada do PSdeG Concepción Burgo, de que Fasero concedeu tres subvencións valoradas nuns 18.000 euros a unha empresa da que era administrador e da que, pouco despois, vendeu a súa parte, o conselleiro asegurou que o seu departamento “sempre” estará rexido pola “transparencia” e que, no caso contrario, depurará “responsabilidades”. Neste punto, explicou que as subvencións foron concedidas por unha comisión de valoración “integrada por tres persoas independentes”. A maiores, a socialista criticou a “paralización” en Cultura e sustentouna en que “aínda non ten o equipo completo”.
