Xulio Lago: “Bloquear o teatro e a danza é un xeito de parar o país”

O dramaturgo ve “lamentable” a destitución da directora do Centro Dramático
A. Losada Actualizado 30/09/2009 - 02:28 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 7 voto/s

Xulio Lago, director de Teatro Atlántico, ten entre mans a produción d’As actas escuras, de Roberto Vidal Bolaño, a que ía ser a próxima produción do Centro Dramático Galego antes de que a súa directora, Cristina Domínguez, cesase no cargo. É un texto, xa case maldito, sobre dous relixiosos que investigan se o Apóstolo está ou non enterrado baixo a Catedral de Santiago. Gañou o Premio Xacobeo 92, pero non foi editado en papel ata 2005, por A Nosa Terra e o Concello de Santiago. O seu futuro non está claro, pero Lago conta con que a produción siga adiante “como un signo de normalidade”. Onte estivo no curso da Menéndez Pelayo As artes escénicas na fronteira, como membro dunha mesa redonda sobre A rendibilidade das periferias, o eixo Coruña-Porto como un soño.

 

Realmente é un soño pensar nunha rede teatral galego portuguesa?

Segundo eu o vexo, está moi lonxe de ser real. A maior dificultade é que a estrutura teatral do norte portugués, que se basea en compañías residentes, é moi diferente á galega, onde o habitual son as compañías itinerantes e onde a presenza dos espectáculos propios nas grandes cidades é moi dificultosa. Non quere dicir que non se deba ter como meta un eixe A Coruña-Porto, pero penso que o primeiro é ordenar o espazo teatral interior, antes de dirixirnos cara ao exterior.

 

Entón non se aplica o de ‘menos mal que nos queda Portugal’?

Como soño si, porque a estrutura do teatro portugués é desexada por boa parte da profesión galega. Menos mal que nos queda Portugal para soñar que algún día unha compañía residente poida rexentar o Teatro Colón da Coruña en vez de que o faga a Fundación Caixa Galicia, por dar un exemplo.

 

O certo é que non son moitos os casos de teatros asociados a profesionais.

Aquí só se dá en salas alternativas, como a Sala Nasa en Santiago, ou o Teatro Ensalle de Vigo, que son moi necesarias e cumpren un gran papel. Pero o uso social do teatro dende as compañías residentes en Portugal non ten nada que ver con iso. Temos a parte alternativa, pero fáltanos o eixe que axude a consolidar un sistema teatral.

 

Tal e como está a cousa, podemos esperar que a Xunta se implique en mellorar esas carencias?

Son pesimista neste momento no que o Centro Dramático Galego (CDG) fica sen responsable tras o cesamento de Cristina Domínguez. Pero coido que é mellor non facer agoiros e agardar a que pasen as nubes. Teño a esperanza de que isto se vai superar a medio prazo, agardo que antes do Nadal.

 

Como viu vostede o proceso da destitución da directora do CDG?

Dun xeito lamentable, lamentando como sucederon os feitos. Que Cristina Domínguez fose destituída cando o novo goberno asumiu o poder entraba dentro das cousas normais, podíalle a un gustar máis ou menos, pero tería sido previsible. Pero a ela confirmárona no cargo un mes antes de botala, por causas que publicamente non coñezo, aínda que podo interpretar que as tamén lamentables obsesións que tiña o señor López Chaves [voceiro de Cultura do PP no Parlamento] coa dirección do Centro Dramático tiveron algo que ver. Non o sei, pero se esa foi a razón, paréceme algo triste e falto de elegancia.

 

E pouco operativo, non?

A consecuencia estámola vendo: a absoluta parálise do Centro Dramático, e non podemos xogar coas nosas institucións desta maneira, sexan as do teatro ou calquera outra. Ocorre o mesmo co Centro Coreográfico, onde tamén cesou a coordinadora –Natalia Balseiro– sen saber quen vai continuar á fronte deste proxecto, que custou tanto esforzo poñer a andar. Non se pode permitir que se pare o país, porque ter bloqueado o teatro e a danza é parar o país, ao igual que cando se pecha unha industria téxtil ou un xornal. Son cousas serias, paréceme a min.

 

O CGAC tamén o está a notar...

Si, semella que vai todo no mesmo paquete, e penso que é unha irresponsabilidade dos políticos, que deberan ser capaces de renovar o sistema sen necesidade de paralizar o anterior.

 

Espera outro tipo de actitude de Juan Carlos Fasero, director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic)?

Agardo que dea un paso para normalizar o momento no que estamos, cousa que pasa porque a produción d’As actas escuras continúe e pola inmediata designación dunha responsable para o Centro Dramático Galego. Precisamos normalidade para poder traballar.

 

Ten algunha pista do que vai pasar coa montaxe d’As actas escuras?

Agardo a decisión do director da Agadic, Juan Carlos Fasero, pero coido que a súa intención é seguir adiante con ela. Porén, estamos nunha situación confusa, pola actual parálise do CDG e porque nos falta contacto co responsable último, que é Fasero. Certamente, sería moi grave, moi grave, que esta obra non se representase no tempo previsto, sería un mal regalo para o 25 aniversario do Centro Dramático.

 

A estrea está prevista para 2010. Non lle preocupa que haxa oposición a representar en Ano Xacobeo unha obra que critica o mito compostelán?

Creo que temos que ser un pouco máis libres neste tipo de asuntos. Roberto Vidal Bolaño escribiu unha ficción dramática excelente, á que a Consellería de Cultura lle entregou o Premio Xacobeo. Nel hai elementos críticos coa ocultación da verdade, e posicionamentos que poñen en dúbida que os restos do Apóstolo estean de verdade en Santiago, unha teoría que é vox populi e que está documentada.

 

E que no seu día non lle gustou á administración Fraga...

O que hai que entender é que non se trata de cuestionar o Ano Santo, senón dunha proposta crítica dun excelente dramaturgo –tristemente desaparecido–, porque coido que esa é a función do teatro, facer reflexionar e xerar debate. En calquera caso o valor principal d’As actas escuras en canto á temática é o da ocultación da verdade, velaí o provocador da súa reflexión, moi necesaria tendo en conta todo o que se nos ocultou na guerra de Iraq, ou agora cos traxes de Camps. Semella que vivimos nunha sociedade que ten por algo asumible a ocultación de feitos, e o texto de Vidal Bolaño pon en dúbida que sexa un pecado tan leve.

 

Paradoxalmente, foi unha obra ocultada e que tardou unha década longa en ser editada en papel.

Estou seguro que de agora non pasará o mesmo. Cumpriranse os prazos previstos e poderemos honrar no escenario o gran amigo e dramaturgo que foi Roberto Vidal Bolaño, un dos pioneiros do teatro profesional feito en Galicia. Porque se lles damos as costas ás cousas boas que temos, non sei de que imos presumir neste país.

 

Esta adaptación foi aposta súa ou de Cristina Domínguez?

O proxecto partiu do Centro Dramático Galego, de Domínguez e do seu Consello Asesor, que me fixeron o encargo de poñer en escena este texto, labor que eu asumo moi asustado porque se trata de algo complicadísimo, pero ao que tampouco lle puiden dicir que non [ri]. Un non pode fuxir destas propostas, ten que quedar quieto, recibilas e tratar de atallalas.

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad

Título:
Comentario:
Nombre:
Email: (no se visualizará)
Introduce la palabra de la imagen
Código de verificación para prevenir envíos automáticos.
kaptcha
Identificarse con:
  

Esta página publica todo tipo de opiniones, réplicas y sugerencias de interés general, siempre que sean respetuosas hacia las personas e intituciones.
Se aconseja un máximo de 15 líneas, que podrán ser extractadas por nuestra Redacción.
Los autores deben hacer constar: nombre y apellidos, y e-mail.
Aquellos textos que no se ajusten a estos criterios podrán ser retirados de la web.