Máis de douscentos barcos de baixura protagonizaron onte unha concentración marítima no Morrazo contra da construción do porto deportivo de Massó na zona de Salgueirón. A instancias da confraría de pescadores de San Xosé de Cangas produciuse a paralización na actividade de lonxas e portos de toda a ría de Vigo. Bateeiros, chalanas e gamelas achegáronse ata a vila para mostrar o seu apoio os mariñeiros de Cangas secundados, a maiores, por máis de 500 persoas en terra que, contando coas dos barcos, sumaron arredor de mil manifestantes.
O momento de maior tensión viviuse tras a aparición dos nacionalistas Bieto Lobeira e Teresa Táboas, aos que o voceiro do Foro Social de Cangas, Tiago Pérez, acusou publicamente de “hipócritas” por se acercaren “soamente para facer a foto”; críticas que foron respaldadas por apupos colectivos dende os barcos e polos manifestantes en terra. Tiago reiterou que se a alcaldesa Clara Millán, do BNG, “quixese realmente paralizar as obras, xa o tería feito”.
Tras máis de hora e media de concentración, os alí reunidos trasladáronse á sucursal de Caixanova para falar co seu director pola presunta orde a unha empresa privada de retirar pancartas situadas por toda a vila que portaban insignas coma “Caixarouba stop Massó”; feito que o patrón maior da confraría de Cangas tachou de “ilegalidade” xa que “se é verdade que vivimos nun país libre, os únicos que poderían retiralas, en todo caso, serían a policía e a Garda Civil”. Tras as negociacións con membros do Foro Social, a entidade bancaria comprometeuse a retractarse no mandato.
AUSENCIA DE MILLÁN
Despois, os manifestantes trasladáronse ata o Concello onde solicitaron a presencia da rexidora Clara Millán, encontro que non chegou a producirse xa que tal e como informou o persoal do grupo municipal, a alcaldesa non se atopaba na Casa do Concello. A negativa foi respostada cun alivión de ovos sobre a fachada do edificio e por berros que esixían a colaboración de Millán.

