Trala Segunda Guerra Mundial, Europa apurou a súa reconstrución. Algúns países centráronse no económico; outros, no político. Pero ao norte de Italia, un grupo de mulleres foron moito máis alá que os poderosos políticos: encamiñaron os seus esforzos cara ao eido educativo. Así plantaron o xerme da filosofía educativa de Reggio Emilia. A filosofía educativa do futuro.
A proposta reggiana como tal naceu na década dos sesenta, na cidade italiana que leva o seu nome, co obxectivo claro de facer ver á sociedade que os nenos de 0 a 3 anos existen e teñen dereitos educativos. A tendencia asistencial e caritativa da educación nestas idades non convenceu ao seu fundador, Loris Malaguzzi, que logrou que os italianos aceptasen aos cativos como membros sociais activos, e así llo fixeron ver progresivamente ao resto de Europa.
Partindo desta idea, o primeiro paso para acadar un desenvolvemento pleno do neno é conseguir a implicación do seu entorno: un compromiso fiel coa educación, que o neno como ser social desenvolve no colexio, pero tamén na casa, na rúa, no parque, de tendas... De aí a importancia de que a familia asuma a súa responsabilidade educativa; de feito, algunhas das novas iniciativas, como cooperativas e publicacións sobre o tema xurdiron das propias familias.
PARTICIPACIÓN DO ENTORNO
A cooperación dos diferentes sectores sociais fai que a educación salte os muros dos centros e garderías e se bote á rúa. Este concepto é o que dá título á primeira mostra creada integramente por nenos de 0-3 anos (“L´Occhio se salta il muro”), que puido verse en España en 1984. O seu éxito, xunto co obxectivo de facerse visibles a nivel internacional, desembocaron nun novo proxecto itinerante: “As cen linguaxes do neno” como modelo de integración das diferentes linguaxes (plástica, música, matemática, etcétera) constitúen un todo á hora de desenvolver o servizo educacional á infancia. Esta é a segunda premisa educativa, porque un neno non asimila a aprendizaxe de xeito illado, senón que participa, experimenta e relaciona contidos e valores. Neste novo marco de ensino, os profesionais teñen moito que aprender dos cativos. O neno ten dereito a recibir unha educación plena e para iso os mestres precisan analizar os seus comportamentos e experimentar con eles, coa fin de adaptarse e evolucionar ao ritmo acelerado ao que o fan os pequenos.
Este labor require unha aprendizaxe continua por parte dos mentores e unha preparación específica. Por iso a composición dos equipos de especialistas que traballan cos nenos é de dous educadores por grupo (a denominada parella educativa), xunto a un pedagogo e un tallerista. Entre todos encárganse do desenvolvemento do neno en todos os aspectos: motriz, sensorial e cognitivo (memoria, aprendizaxe, razoamento e pensamento).
Cando se fala de nenos, as fórmulas de libro non serven: a evolución dos cativos é diferente en cada caso, polo que a observación vólvese indispensable para saber que actividades reforzar e que valores traballar con cada un.
DESEÑAR ESPAZOS E MATERIAIS
A ferramenta base dos profesionais do ensino é o entorno. O espazo que envolve aos cativos fomenta por si so o seu desenvolvemento. Por iso, cada un dos obxectos que forman parte dunha escola infantil debe ter unha razón de ser, ao igual que a súa colocación.
A configuración do espazo, os mobles, os recunchos, a luz, a cor e os materiais dos obxectos. Cada un destes elementos produce en cada neno un estímulo e unha reacción diferente, de xeito que cada detalle está intencionalmente planificado. Neste contexto hai que entender o nacemento da figura do tallerista, que busca que o ambiente que rodea ao neno se adecúe e responda ás súas necesidades fisiolóxicas, afectivas, de movemento e experimentación e, por suposto, de autonomía. No taller, as actividades individuais e colectivas permiten ao neno máxima liberdade de movementos e de uso do diverso material, que atopa sempre accesible. O educador observa como o neno descubre e interactúa, pero nunca o dirixe. Os pequenos marcan o seu propio ritmo e os seus intereses á hora de aprender.
VIAXES ORGANIZADAS DESDE GALICIA
A proposta educativa reggiana fai que cada ano moitos profesionais do sector a nivel mundial se despracen ata esta pequena cidade do norte de Italia para vivir a experiencia en primeira persoa. Un séquito de redes, entre elas a Rede Educativa Reggiana do Estado Español, encárgase de organizar as saídas e de seguir alimentando esta filosofía educativa. Quen queira vivir de preto esta aventura pode tentar conseguir unha entrada para visitar os centros durante a vindeira Semana Santa acompañando a un grupo que partirá desde A Coruña. Do nacemento desta corrente cúmprense case 50 anos, pero o seu carácter pioneiro mantense. A mención concedida por un xurado de expertos internacionais en 1991 á escola Diana de Reggio Emilia, citándoa como “a máis vangardista do mundo no campo da educación infantil”, segue a ser todo un logro no 2009, cando a maioría dos centros españois aínda non alcanzaron o nivel do que dita escola gozaba hai máis dunha década.

