O deputado do BNG e ex vicepresidente da Xunta Anxo Quintana critica a nova denominación das escolas infantís da Xunta -antes 'Galescolas', agora 'Galiña azul'- por considerala "unha horterada" coa intención de "tapar a incapacidade de Feijóo" de poñer en marcha unha "auténtica rede pública de educación".
"A medida que acaba de tomar -Alberto Núñez Feijóo, presidente do Executivo autonómico- é claramente sectaria, de imposición e que pretende ser unha cortina de fume", reprobou o anterior responsable de Benestar nunha entrevista concedida a Radio Nacional de España, que puido recoller Europa Press. "Resulta que se un mandilón dun neno ten a bandeira galega supón politizar o mandilón e o neno. Se pos unha galiña azul, non. Pois iso é unha horterada", apostilou.
Para Quintana, o actual Goberno cambiou o nome "porque non o puxeron eles", pero "o malo non é iso, o malo é que, agora que empeza o curso, non aumentan o número de prazas". Por iso, acusou á Xunta de "desfacer por desfacer e non propoñer nada cambio".
Así, sobre a suspensión do decreto que repartía a enerxía eólica en Galicia, Quintana cre que "nin Feijóo sabe o que quere". "Está a xogar a dar pasiños adiante e pasiños atrás, pero o evidente é que non quere que se fagan as cousas como se estaban a facer", censurou, no que viu "unha auténtica barbaridade", porque "paraliza" o sector enerxético e "aumenta as listas de paro".
Sobre as axudas da Lei de dependencia, outra das polémicas que se prolonga dende a anterior lexislatura e que protagonizou esta semana un dos debates da Cámara galega, asumiu as protestas "dun 3 por cento" dos beneficiarios trasladadas polo Valedor do Pobo. Non obstante, "noutras comunidades as reclamacións chegan ao 15 por cento", indicou, polo que rexeitou que se faga "demagoxia" e instou a Feijóo a atender as necesidades dos cidadáns galegos.
A maiores, criticou a decisión do Consello da Xunta desta semana de "desbloquear" cabo Touriñán para que se instale unha planta acuícola, porque "a estas alturas en Europa todos os gobernos apostan polo desenvolvemento sostible". Malia ser unha "importante fonte de riqueza", recomendou levar a cabo esta actividade "sen deteriorar o medio".

