O recinto feiral de ExpoCoruña ten uns dous anos de vida. Foi tempo abondo para converterse nunha referencia, capaz de reunir os mellores grupos de vangarda na Terraza do Move, de ter concertos como o de Yann Tiersen ou de converter unha pasarela de moda nun evento de vangarda artística, como farán a vindeira semana co chamado Daisy Market. Ana Montes, directora do recinto, explica as súas claves.
Que atopou vostede cando chegou a ExpoCoruña?
Uf, daquela o proxecto non tiña nin sequera nome. Tal e como o coñecemos hoxe, naceu dunha análise que se fixo para ver como estaba o mercado a nivel galego, nacional e internacional para entender como están a funcionar os recintos feirais. En Galicia había xa oito, e en España, 53, polo que se naces e xa es igual ao resto, tes moitas posibilidades de morrer no intento. Desa intención xorde o proxecto de ExpoCoruña, moi ligado á tecnoloxía e a innovación, porque as feiras sempre foron focos de novidades. É unha idea que non limitarnos só ao comercial.
De feito, é a música a que sempre adoita estar presente na súa oferta...
É que aí apostamos tamén pola innovación, sempre co máis alternativo e independente. O que facemos non é outra cousa que presentar as novidades dese mundo.
Logo, é todo cuestión de novidades?
Imaxina que tes un escaparate, no que vendes o de sempre. Para que resulte novidoso, tes que cambialo, variar a decoración, buscar sorprender. Esa é a nosa filosofía, por iso procuramos diferenciar ao máximo os eventos que desenvolvemos nós.
A terraza do Move é un dos exemplos máis chamativos desa filosofía, non?
É un exemplo que funcionou ben, pasamos de 4.000 visitantes na primeira edición a 6.000 na deste ano. En realidade, é un ciclo de concertos, pero presentado en forma de terraza, que se celebra todos os venres a unha determinada hora, con servizo gastronómico. O que queremos é amosar que o habitual pode mesturarse con elementos innovadores, para animar outra xente a desenvolver as súas propostas.
Responden ben os sectores implicados?
En xeral, si, porque aínda que a creatividade é o que nos move, os nosos eventos baséanse nas necesidades que detectamos nas empresas. Se no Daisy Market haberá un obradoiro de customización, é porque o sector o demanda. Todo é cuestión de saber escoitar.
Coa lea da crise, están preocupados polo financiamento?
O financiamento sempre preocupa, pero polo momento non houbo problemas coa que vén do eido público, do Concello da Coruña. Si que notamos que a contratación de feiras privadas está a ser máis reducida, por menos días ou con menos metros, pero solucionámolo aceptando máis eventos. O primeiro ano rematamos cun déficit de 300.000 euros, que contamos con reducir neste exercicio.

