O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez presumiu onte do “compromiso” do seu departamento de que estea aprobado en Nadal o novo decreto de galego e afirmou que o borrador no que se está a traballar na actualidade será “negociable”, aínda que “dentro dunhas marxes” determinadas. Vázquez defendeu a súa vinculación a un Goberno “tremendamente negociador”, do que asegurou que “vai apoiar e facer promoción do galego”, malia que precisou que ese respaldo se realizará “fóra das imposicións e recoñecendo a liberdade de elección dos pais”.
“A promoción do galego é algo que este Goberno recoñece que seguirá traballando con empeño en igualdade co resto dos partidos”, engadiu o conselleiro, moi protestado por toda a comunidade educativa no último comezo de curso, malia que el di que foi “o mellor arrinque dos últimos anos”, declaración que dende o PSOE cualifican de “delirio”.
Ademais, Vázquez considera que a figura do profesor se viu “minguada” en Galicia “principalmente” dende a implantación da Logse –Lei de Ordenación Xeral do Sistema Educativo, aprobada en 1990–, que, ao seu xuízo, levou consigo unha “perda de valores” e unha “falta de esforzo” nas aulas, así como unha diminución do “recoñecemento” ao labor do docente.
Todo, malia subliñar que en Galicia non se rexistra “ese alarmismo nin de violencia nin de gran problemática nas aulas” que si se produce noutras comunidades autónomas.
Nunha entrevista concedida a Radio Nacional, o titular da Administración educativa galega avogou por “pór en valor” e “dignificar” o traballo dos profesores galegos, de forma que se recupere o respecto do que gozaban hai anos. “O labor docente, que é marabilloso, vocacional e entregado, hai que recoñecelo e darlle ese valor que ten”, defendeu, para admitir que “algo falla” actualmente nas aulas e atribuír esas carencias ás leis impulsadas polo Goberno central. “Non favoreceron nunca nin a integración dos valores nin primaron valores como o esforzo ou o respecto”, aseverou.
Vázquez sinalou que as medidas orientadas a dignificar a figura do profesor deben enmarcarse nun “pacto pola educación”.

