O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, instou onte ao Goberno galego e, nomeadamente, ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a “escoitar o clamor social ao que lle puxeron voz os presidentes da Real Academia e do Consello da Cultura, que o instaron a que pare a política de crispación e retome o camiño da promoción do noso idioma”. No marco dunha conferencia na localidade lucense de Xove, Callón laiouse de que o Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, “só abra a boca para aumentar a crispación” en torno ao idioma, unha situación que, di, esixe unha “resposta cívica” como a que, di, desenvolverá a Plataforma Queremos Galego –promovida pola Mesa, entre outras entidades– o vindeiro 18 de outubro en Santiago e para a que, anuncia, “se organizará transporte dende diferentes puntos do país”. Unha das reivindicacións que porá sobre a mesa este colectivo será a necesidade de cumprir o vixente decreto de uso do galego no ensino, un texto que, lembra Callón, “está en vigor para este curso escolar, polo que é de obrigada aplicación”. Neste sentido, o líder da Mesa considera “deplorábel que a Xunta estea a permitir que haxa centros nos que se queira varrer o galego”.
