“Canta expectación!”. O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, mostrábase sorprendido ante o gran número de xornalistas que onte agardaban na sede do departamento autonómico para dar conta do resultado da súa primeira xuntanza oficial co presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Ramón Barreiro.
As críticas á política lingüística do novo Goberno lanzadas polo titular da institución académica a comezos do mes de setembro convertían a xuntanza rutineira de onte nunha proba ás relacións entre ambas institucións e, ao tempo, á firmeza mostrada por Barreiro ao acusar ao presidente da Xunta de xerar “crispación” en torno ao idioma.
Despois de algo máis de media hora de xuntanza, o máximo dirixente da RAG optou por relaxar a forma sen variar o fondo, nun contexto de maior sintonía con Varela que co conxunto do Goberno galego: “Nunca fun crítico –matizou– co conselleiro de Cultura”.
Boa parte desta satisfacción, explicou Barreiro, vén dada pola atención que as demandas da Academia atoparon no referido ao que xa é o primeiro gran reto de Roberto Varela na Xunta, isto é, o papel da lingua galega no Xacobeo 2010.
Segundo o relato do presidente da RAG, o conselleiro mostrouse especialmente “sensible” cara a unhas peticións que, subliña, pasan por que os “millóns de visitantes” que traerá consigo o Ano Santo “se decaten de que están en Galicia, de que constituímos unha cultura propia e temos un idioma que é propio”.
“Nós –explica–levamos máis de mil anos recibindo xente de todo o mundo, a ver se empezamos a comunicarlles que temos unha cultura e un instrumento, que é unha lingua propia”, conclúe.
Neste sentido, Barreiro aproveitou o mesmo encontro para lanzar outra “solicitude”, neste caso, “ao meu amigo –di–, o Arcebispo de Santiago”, encamiñada a que “nos centos de miles de contestacións” ás ofrendas ao Apóstolo que a Catedral elaborará ao longo de 2010 “introduza, aínda que sexa dun xeito leve, pequenos textos en galego, para que a xente saiba que aquí tamén hai un idioma”.
As reclamacións de Barreiro foron acollidas de bo grao polo Conselleiro de Cultura que, “independentemente da internacionalización do Xacobeo”, asegura apostar por “aproveitar esta ocasión única para dar a coñecer a lingua e a cultura galega no resto do mundo”.
"NON DEBE HABER CONFLITO"
Este clima de “cordialidade” non impediu que, a preguntas dos xornalistas, Xosé Ramón Barreiro se reafirmase no seu discurso crítico cara aos plans lingüísticos do Goberno de Núñez Feijóo, no cal, ironiza, “tampouco fun tan duro”.
“Simplemente –apunta Barreiro, en relación á súa intervención na entrega do premio ‘Casa dos Poetas’, en Celanova– dixen o que pensaba e, parece ser, pola recepción dos medios de comunicación, que non ía moi desencamiñado”. Neste contexto, o académico salienta que “non se trata de avivar ningún conflito”, senón de “aquietar a situación e construír, porque é o que o país necesita”.
Tamén o propio Roberto Varela avogou ante a prensa por desbotar o “conflito” nun contexto no que, asegura, “a miña prioridade é incentivar, promover e dar a coñecer a singularidade da cultura galega, e unha parte moi importante desa cultura é a lingua”.
Neste sentido, Varela ten claro que, dende o seu punto de vista, “non debería haber e non hai” en Galicia ningún “conflito” en torno ao idioma, unha afirmación que Barreiro recolleu para advertir: “E convén que non o haxa”.
O titular de Cultura empregou tamén o encontro de onte para destacar o seu compromiso de “estudar seriamente” a posibilidade de “incrementar a aportación” económica do seu departamento á RAG, unha cuestión de “intendencia” á que Barreiro restou importancia.

