Aínda resoan os ecos das últimas eleccións autonómicas –e o que lle quedan– pero no PP xa hai tempo que teñen entre cella e cella as próximas citas electorais, facendo así boa esa visión crítica que ve aos populares como unha fábrica únicamente adicada ás vitorias nas urnas. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, é agora o gran tótem do partido en canto a estes réditos respecta. Foi capaz de gañar por maioría absoluta competindo dende a oposición. Por iso, agora exerce de portavoz do PP para novos comicios. Cunha consideración novidosa. Queren reformar acordos de consenso para facilitar as vitorias da súa formación. Nunha especie de absolutismo de resultados ou neoliberalismo postelectoral, o líder do PPdeG defende nestes días a “necesidade” de reformar a lei electoral para que goberne “aquel que gañe as eleccións” e tamén “matizar” o pacto antitranfuguismo, co cal permitiría mocións de censura antinaturais en determinados concellos.
Como é evidente, ambas propostas teñen a mirada posta na próxima gran cita electoral, as municipais de 2011. O derrubamento dos bipartitos PSOE-BNG é unha obsesión para o PP xa case antes de tomar posesión na Xunta tras o resultado do 1-M. De feito, moitos interpretaron a creación da figura dos superdelegados como uns contrapoderes locais destinados a dinamitar aos Concellos das cidades, todos eles progresistas. Porén, o escasísimo impacto deste posto ata o momento ten relaxada esa visión opositora, non está claro se por estar infundada ou pola falta de iniciativas de peso en termos políticos –axenda de actos si teñen– do que en teoría ía ser unha especie de segunda liña de conselleiros da Xunta. Talvez por iso Feijóo pretende abrir outras vías.
Unha, feita pública o luns en Madrid, é a máis ambiciosa pero tamén a máis utópica e propón cambiar a Lei electoral para que goberne sempre a lista con máis votos. Iso suporía, primeiro, unha opción que golpearía directamente ás forzas progresistas xa que castigaría a súa pluralidade para beneficiar ao PP, que así tería case asegurados a maioría dos Gobernos locais e pode que tamén a Xunta incluso ante a posibilidade de que sumase moitos menos sufraxios que a suma de socialistas e nacionalistas. Trátase dunha proposta robótica que elimina os matices, tan necesarios en política. Completala cunha reforma do pacto antitranfuguismo –como pediu onte en RNE– que relaxe as súas condicións e de feito avale mocións de censura edificadas sobre cambios de bando interesados non só semella contraditorio co anterior, senón que pode entenderse como unha chamada á barra libre pouco respetuosa cos votos. Pero son as propostas de Feijóo. Electorais.

