A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, acusou onte o bipartito de deixar sen tramitar 19.691 solicitudes de citas médicas para especialidades como oftalmoloxía, traumatoloxía, reumatoloxía ou xinecoloxía. “Pacientes non rexistrados e pendentes de programación”, apostilou Farjas. A titular de Sanidade referiuse, en concreto, a existencia de “caixóns cheos” de peticións que non foron rexistradas informaticamente.
Estes datos, sinalou Farjas, figuran nunha auditoría de listas de espera de consultas e probas diagnósticas que o Sergas está concluíndo. Segundo sinalou, ás máis de 193.500 persoas que agardaban para ser atendidas a data do 30 de xuño, hai que engadir aquelas “que nunca existiron nas listas oficiais”, para que a súa inclusión non “engordase” os tempos oficiais. Por esta razón, a conselleira anunciou no Parlamento a informatización inmediata das solicitudes pendentes e insistiu en que no Goberno galego “non imos agochar follas”.
Na súa intervención, a conselleira tamén explicou que o modelo retributivo dos médicos, que permite pagarlles un complemento de exclusividade aos que exercen só no sistema público, está “superado”, polo que anunciou que se está traballando noutro. Igualmente, anunciou a elaboración dun plan estratéxico do Sergas, así como o incremento da actividade ordinaria dos centros e a creación de indicadores por obxectivos, cun nivel de eficiencia mínimo que cada centro deberá acadar. Finalmente, apuntou que o seu departameno estuda organizar consultas de tarde ordinarias nos hospitais.
O socialista Modesto Pose indicou que non vale dicir que hai papeis nun caixón e emprazou a conselleira a que achegue nomes e apelidos dos xefes de sección “que facían iso e que lles abra expedientes”. A este respecto, considerou “intolerable” achacar politicamente esta situación e incidiu en que as listas se dispararon co actual Exeutivo.
Por outra parte, a Federación de Sanidade da CIG en Ferrolterra esixiu a Sanidade que non elimine a creación das 28 novas prazas en Atención Primaria para os centros de saúde da bisbarra, que figuraban no plan de mellora do bipartito. Tamén o alcalde de Ourense, o socialista Francisco Rodríguez, criticou o “silencio” da Xunta sobre a construción dos centros de saúde dos barrios de O Couto e O Vinteún e sinalou que “espera” que os presupostos autonómicos de 2010 contemplen estas obras.

