O cine portugués ofrece con frecuencia gratas sorpresas, que desde esta outra banda convén non ignorar. Tal é o caso de Aquele querido mês de agosto (2008), segunda longametraxe de Miguel Gomes (1972), un filme singular que ao recoñecemento do Festival Internacional de Cine de Bos Aires vén de engadir recentemente o premio á mellor fita no Filminho –encontro fronteirizo para o desenvolvemento das cinematografías das dúas beiras–. Así mesmo, o CGAI clausurou a primeira parte da programación do presente ano cun ciclo sobre a súa obra e que contou coa presenza do director na derradeira xornada para manter un coloquio co público.
Na súa xénese, parte Miguel Gomes da seguinte proposta: contar unha historia actual, en clave de melodrama, na que a estrañamente misteriosa desaparición dunha muller deixa conmocionado o seu marido, até o punto de que ao centrar o seu afecto na filla de ambos acaba nacendo entre eles unha relación patolóxica de mutua dependencia; situación que vai ser alterada coa presenza de familiares emigrados que chegan, como cada ano, ao lugar de orixe para pasar as ferias de agosto.
Con este argumento –tan familiar para nós– desenvolvido, o correspondente equipo e unhas establecidas condicións de produción, arrinca a rodaxe. Mais o proceso da produción audiovisual é tan fráxil como unha longa ringleira de fichas de dominó erguidas en vertical, próximas unhas das outras: a caída da primeira promove o consecutivo derrubamento do resto, e preséntanse continxencias que botan por terra o plan de traballo.
Porén o realizador, apoiado polo seu equipo, decide continuar, incorporando, en feliz idea, diversas dramatizacións en clave paródica sobre os citados atrancos, amén de ir filmando as diversas manifestacións nesta época estival: as festas, as celebracións relixiosas, as orquestras das verbenas, a chegada dos visitantes –periódicos e ocasionais–, os baños no río, o sistema de prevención dos incendios forestais, o funcionamento dun xornal de edición local de grande repercusión nas colonias de emigrantes do lugar, unha pequena emisora de radio, certos sucesos acontecidos e aínda vixentes ou que se van producindo no decurso de filmación, proceso no que mesmo se arbitra unha proba de repartición para a escolla de intérpretes locais que haberán intervir tamén na parte específica da ficción.
Entre as moitas definicións que lle poden acaer a un filme tan indefiníbel como Aquele querido mês de agosto non resulta desatinada a de “musical”. Un filme musical, na mellor tradición do xénero, onde a música, lonxe de paralizar o relato, axúdao a progresar.
Nunca externa ao relato, a música xoga un permanente papel dramático, combinando as súas máis variadas funcións, desde describir e subliñar a ser elemento narrativo de seu. Interpretada principalmente polas orquestras das festas, bandas e outras agrupacións populares da contorna, mostradas no filme, a música constitúe así mesmo unha emotiva homenaxe tanto á tradición como ás manifestacións máis actuais do xénero, representado neste segundo caso por grupos con menos medios que os dos nosos equivalentes coñecidos, pero con maior creatividade.
E máis alá de que o coñecemento das letras das cancións sexa previo ou se produza na rodaxe, estas ocupan sempre o lugar oportuno, establecendo unha estreita relación co relato. Outro tanto acontece entre o espazo sonoro e o visual, un dos logros do filme, onde o son adoita adiantar a transición entre un segmento narrativo visual e outro, as máis das veces distantes, producindo un estimulante diálogo.
Así mesmo, con maior ou menor protagonismo, os membros do equipo e os intérpretes escollidos integran o homoxéneo elenco que, mercé a un eficaz labor de dirección de actores, dá como resultado personaxes de grande entidade e verosimilitude.
Con todos estes materiais, Miguel Gomes organiza o seu filme, primeiramente na mesma toma de vistas, convertendo a rodaxe no proceso de revelación da historia, e posteriormente na montaxe. O resultado é un sutil e complexo, que non complicado, relato no que documental e ficción interactúan, ao xeito dun exacto mecanismo de reloxería. Na súa estrutura libérrima, na que nada queda ao chou, resulta apaixonante contemplar as medidas transicións do documental cara á ficción e o maxistral atrevemento da ruptura de toda convención narrativa coa suspensión de segmentos ficcionais que se retoman posteriormente, logo de ter introducido no medio segmentos de cerne documental. Delicada consideración esta, tendo en conta que a operación de definir a fronteira entre as dúas modalidades de posta en escena preséntase, aquí, complicada mesmo para o espectador máis adestrado, o que se revela como outra das grandes virtudes do filme.
Un estimulante diálogo entre documental e ficción, o cine dentro do cine, un filme musical, unha historia de amor mediatizada polas sombras do pasado, o retrato dunha pequena localidade portuguesa do interior nas festas do verán… Todo isto e máis ofrece unha crónica de reencontros e novos encontros em os dias feriados à calor do verão, onde todo, mesmo a saudade, semella ser posíbel.

