O escritor británico Martin Amis vén de publicar en España un libro de artigos sobre os atentados do 11-S. Admira a cultura árabe, pero non pode respectar o islamismo extremista porque avoga “pola aniquilación” dos occidentais e, tamén, polo trato que neses países se lle dá á muller. Hoxe presenta no Hay Festival de Segovia o seu libro El segundo avión, a particular “crónica da miseria e da dor, e tamén da fascinación desesperada”, que o escritor foi trazando desde setembro de 2001 ata 2007 en diversos artigos e ensaios, así como en dous relatos curtos, publicados en xornais británicos.
Algúns deses textos foron escritos poucos días despois dos atentados contra as Torres Xemelgas de Nova York.Teñen a vehemencia propia do momento e tamén “un lixeiro carácter de alucinación”, pero Amis preferiu non cambiar “nin unha palabra”, aínda que, como di na introdución do libro, ás veces sentiu a tentación de facelo para “borrar a pista” dos seus pasos.
É consciente de que as súas opinións sobre o fundamentalismo islamista adoitan levantar bochas e cada vez que lle preguntan se é “islamófobo”, responde sempre que “non”. Pero si é “un antiislamista” porque, como afirma en El segundo avión, “unha fobia é un medo irracional, e non é irracional temer algo que di que quere darche morte”. “Eu respecto a Mahoma, pero non a Mohamed Atta”, dixo onte en alusión a un dos terroristas do 11-S.
AS RAZÓNS DA DISCORDIA
Aos que non están de acordo coas súas críticas ao islamismo yihadista, este brillante e polémico escritor pediríalles que se centrasen só no trato que se dispensa á muller neses países e que digan “se poden estar de acordo coa ablación do clítoris, con que nenas de nove anos sexan obrigadas a casar, con que se mate por honra ou que se arroxe ácido á cara dunha muller”.
“Non nos gusta o islamismo extremista polo que fai coas mulleres; é unha guerra contra elas, unha maldición”, e as mulleres, adoita dicir Martin Amis, “non son unha minoría, son a metade da raza humana”. “A violencia contra a muller é a maldición da humanidade”, e ese problema dáse noutros moitos países como en Gran Bretaña onde “a morte máis común” entre as mulleres de 16 a 45 anos é por violencia machista.
A POLÍTICA EXTERIOR ESPAÑOLA
En opinión de Amis, a repercusión mundial dos atentados do 11-S nunca podería ser a mesma que a que tiveron os de marzo de 2004 en Madrid. Estados Unidos era en 2001 “o país máis poderoso da terra” e aqueles ataques terroristas foron un golpe brutal. Para “os milleiros de persoas que estaban na Torre Sur, o segundo avión significou a fin de todo. Para nós –escribe o autor–, o seu fulgor foi o fogonazo mundial do futuro que nos agardaba”.
Neste contexto, Amis criticou abertamente a José Luis Rodríguez Zapatero por ordenar “retirar as tropas españolas de Iraq”, nada máis chegar á Moncloa tras os atentados do 11-M; unha medida que “non debería causar orgullo”, porque “o goberno español deixou que os terroristas decidisen o seu futuro”. A actuación do presidente do goberno español tras aqueles atentados do 11-M parécelle “patética”, porque, ao seu xuízo, “non se pode permitir” que os terroristas “interfiran na política exterior dun país”.
Non cre que na actualidade se deban retirar as tropas de Afganistán, porque “habería unha crise enorme na rexión” e a inestabilidade de países como Paquistán aumentaría. “Saír de Afganistán sería un duro golpe para a autoestima de Europa”.

