There was no Boston School. Non houbo Escola de Boston. Se unha escola é un colectivo organizado, con trazos estilísticos e estéticos definidos, acoutado nun tempo concreto e agrupado por unha vontade común que xera un programa consciente como un marco a partir do cal cada un dos integrantes desenvolve o seu traballo artístico de xeito individual, non houbo tal cousa en Boston nos anos setenta. Así, literalmente, sen respirar, comeza Manuel Segade, o comisario de Familiar Feelings, que se despide con esta mostra do Centro Galego de Arte Contemporánea logo de tres anos traballando a carón do seu xa ex director, Manuel Olveira, o texto que preparou para o catálogo da exposición. Unha ollada retrospectiva sobre esa presada de creadores, inquilinos da fotografía documental que gravitaban –ou non– arredor da figura magnética de Nan Goldin, que pon en cuestión a etiqueta crítica a través dos seus propios protagonistas.
Familiar Feelings, que permanecerá aberta no CGAC até o vindeiro 13 de decembro, é unha mostra atípica. Reúne, trinta anos despois, varios dos artistas que foron agrupados dentro da etiqueta da Escola de Boston precisamente para poñela en cuestión. O título do artigo, confesa Segade, débello á propia Nan Goldin (Washington DC, 1953), a gran ausente na inauguración da mostra. Vén dunha conversa recente entre ambos en Arlès, en Francia, e supón outro marco na revisión crítica do espazo que estes creadores ocupan no canon e no mercado da arte.
A do CGAC, inaugurada o pasado xoves coa presenza dalgúns destes artistas vinculados no seu día á Escola do Museo de Belas Artes de Boston e o Massachussets College of Art, é a terceira da súa serie.A primeira, a fundacional, onde se acuñou a etiqueta, organizouse no ICA de Boston en 1995 e agrupaba unicamente sete ou oito artistas. A seguinte, tres anos máis tarde, a cargo do Hamburger Kunsthalle, apertaba aínda máis o cribo. Chamábase, nun símil tan fúnebre como cosmético, The Boston 5, e reducía a nómina a Nan Goldin, Philip-Lorca diCorcia, Mark Morrisroe, Jack Pierson e David Armstrong. En Galicia, porén, a familia medra.
DEZ MÁIS DOUS
Para Manuel Segade e o CGAC, o grupo de Boston son doce artistas, os cinco anteriores máis Taboo!, Gail Thacker, Shellburne Thurber, os Starn Twins, Kathleen White e outros dous nomes moi afastados xeracionalmente de todos os demais: Larry Clark (Tulsa, 1943) e Diane Arbus (Nova York, 1923-1971). Por eles empeza o que o comisario chama a “xenealoxía do gusto” deste colectivo, médula da exposición e único punto de ataque “posíbel” a unha etiqueta que se cuestiona a si propia dende o principio: non todos os creadores se coñecen entre si nin se trataron nos anos setenta en Boston, e entre a idade duns e doutros pode haber mesmo dez anos de diferenza e marcadas distancias no programa ético e estético. Nas pescudas de Larry Clark e Diane Arbus, non obstante, poden coincidir.
Cando Nan Goldin tira a que pasa por ser a súa primeira fotografía en branco e negro, un retrato do seu amigo David Armstrong datado en 1971 que se pode ver estes días no CGAC, Larry Clark empeza a documentar o desenlace tráxico da súa xeración na serie Tulsa –de Vietnam e a heroína ao monstro da sida– e Diane Arbus, referente absoluto dun certo xeito de ollar arredor, ponlle fin á súa vida en Nova York deixando atrás de si fotografías como esas do libro Untitled que agora exhibe o museo compostelán. Aí, nesas instantáneas en branco e negro, empeza a reconstruír Segade as coordenadas estéticas que poden xustificar, ao cabo, que se fale agora dun grupo de Boston, dunha escola. Non había outro lugar para o que Nan Goldin e compañía puidesen mirar en 1971 na procura dunha coartada.
Se Clark e Arbus son o principio indutor, o traballo de Goldin está no centro de Familiar Feelings. Toda a exposición xira arredor da última versión de The Ballad of Sexual Dependency, un diaporama de corenta minutos composto por máis de 700 diapositivas nas que a artista ensarilla a súa propia autobiografía co diario roubado de todos os que partillaron con ela a peripecia da súa xeración dende os anos setenta, ese relato que abre a heroína e pechan, decote, máis unha vez, a sida e a corrupción doutra utopía. O traballo de Nan Goldin vén encarnar, dalgún xeito, a viaxe dislocada desa xeración que desafiou primeiro os modos de representación hexemónicos, visualizando ao mesmo tempo modos de vida non lexitimados e subxectividades emerxentes, as súas propias, e que se convertiría ao cabo nunha peza central do sistema artístico dúas décadas despois. Eses que tamén nos Estados Unidos mudaron o punk polas galerías ou, aínda peor, pola publicidade.
BOSTON
En realidade, todo empezou en Boston. Shellburne Thurber e Philip-Lorca diCorcia estudaron xuntos na Escola do Museo de Belas Artes da cidade a mediados dos setenta, Nan Goldin e David Armstrong habíano facer tamén pouco tempo despois e Mark Morrisroe e Gail Thacker chegarían a principios da década dos oitenta, mentres Stephen Tashjian –ausente da mostra– e Jack Pierson se formaban no Massachussets College of Art. Un ambiente no que tamén empezaban a traballar artistas como Pat Hearn, Kathe Izzo, Starn Twins, Tony Millionaire, Kathleen White, George Condo ou Christian Marclay, nomes que hoxe xa forman parte do reverso da Escola de Boston: todo o que a crítica ignorou ou converteu en paisaxe, en pano de fondo, da obra dos creadores titulares. Os damnificados polo discurso.
Por que Familiar Feelings? Por que ese título, que xa se insinuaba, como recorda Segade, na exposición de Hamburgo, a máis popular das tres grazas ao catálogo que editou a poderosa editorial Taschen? Porque para o comisario da mostra a historia deste colectivo non se pode trazar senón a partir de cada unha das historias persoais, a partir de cada un dos seus membros, sexan os que sexan, e das afinidades persoais que permiten cartografalos e fotografalos xuntos. Sen ese magma emocional que dá forma á exposición, non existe a tal Escola de Boston.
Non se trata só dos elementos icónicos da súa memoria colectiva, ese marcos xeracionais, por veces tráxicos –a sida, Vietnam, as armas–, por veces lúdicos –os concertos, o punk, os fanzines–, que salfiren agora os dous andares do CGAC, senón tamén o retrato deles propios. A ollada de Jack Pierson capturada por un dos seus compañeiros hai case trinta anos –a carón destas liñas–, que agora interroga os seus protagonistas pendurada nunha sala de museo. A morte de Mark Morrisroe documentada, a petición do moribundo, de só 30 anos, vítima da sida, por Gail Thacker. A agonía de Vittorio que Philip-Lorca diCorcia teatraliza nunha cama de hospital arrodeada de atributos. O pic-nic que ocupa a contraportada deste suplemento, gravado por Nan Goldin para sempre nunha emulsión fotográfica, reverso pola súa vez do mural que se reproduce na portada, unha fotografía tomada este semana á porta do museo na que o comisario, á dereita, posa con todos os artistas –e amigos– que viaxaron a Santiago para participar na inauguración da mostra.
O relato da escola que nunca existiu máis que no sentido (político) de comunidade, como un lugar habitábel no que gorecerse para atravesar o paso espiñento de dúas décadas difíciles, consta de 150 fotografías, amais do diaporama de Goldin –procedente das coleccións da Tate Modern de Londres e do Moma neoiorquino– e unha manchea de obxectos que musealizan o transo dunha xeración vixente, isto é, a dos nacidos nas inmediacións da década dos 50, hoxe no poder. Dende os exemplares de Dirt, o fanzine que publicaba Morrisroe, até as pezas do proceso creativo de Thacker que documentan, como pezas arqueolóxicas, a descuberta dunha linguaxe.
Entre a psicodelia pre-queer de Taboo! que se pode ver cara ao final da mostra e o pictorialismo de Morrisroe hai un gap insalvábel dende o punto de vista estético. O mesmo que entre os retratos de Diane Arbus e a falsa espontaneidade das escenas cotiás fabricadas por David Armstrong ou entre as primeiras fotografías de Nan Goldin nos anos setenta que e o seu traballo posterior. Non hai, a primeira vista, programa común posíbel a estes dez –ou doce– artistas que o CGAC reúne co pretexto de poñer en crise a etiqueta que os puxo xuntos hai case quince anos. O que hai, volvendo ao texto de Manuel Segade para o catálogo de Familiar Feelings, é unha caixa de ferramentas. “Sentimentos familiares dunha comunidade de sentido xenerosa para a produción cultural dun presente en crise, valiosa para restaurar a xenealoxía dun nosoutros que ás veces aínda falla”.

