A No Wave gabábase de rachar con todo o estabelecido e de non pisar o mesmo terreo máis dunha vez. Ese incoformismo foi a regra fundamental de traballo para Ze Records, o selo que montaron Michael Zilkha e Michel Esteban, un xornalista inglés e un deseñador parisiense que chegaron a Nova York atraídos por esa escea musical que dinamizaba a vida cultural da cidade a finais dos setenta. Co seu traballo demostraron que a pista de baile do Paradise Garage non estaba tan lonxe do CBGB, ou que o paso que separaba o glamour da cotra non eran tan grande como se cría. Peneiraron o underground para atopar estrelas disco como Cristina; deron proxección a axitadores como Suicide ou James White e miraron cara ao Caribe como banco de ideas para a música de baile con Lizzy Mercier Descloux ou Kid Creole. Este recompilatorio que celebra os trinta anos do selo reúne unha selección de temas que ilustran o seu gusto mutante e a súa obsesión por abrir un novo camiño para o pop con cada referencia.
Ze 30: Ze Records Story 1979-2009
Varios autores
STRUT, 2009
CD
15,50 euros
