Dous vehículos da marca Audi, modelo A6 TDI Quattro, mercados en 2007, con 151.775 e 103.012 quilómetros e cun prezo de saída de 37.140 e 38.140 euros, respectivamente. Son os únicos automóbiles, dos vinte que a Consellería de Presidencia sacará a subasta pública o vindeiro 17 de maio, mercados baixo o mandato do Goberno bipartito.
Despois de que o PPdeG convertise nunha das principais bandeiras da campaña electoral do 1-M o “despilfarro” que, segundo os conservadores, supoñía a adquisición de vehículos “de luxo” por parte do Executivo de PSOE e BNG, as datas de matriculación dos coches oficiais que o departamento de Alfonso Rueda vai vender revelan que a práctica totalidade dos mesmos foron adquiridos entre 2000 e 2005, é dicir, baixo o mandato de Manuel Fraga.
Despois de ser publicadas no Diario Oficial de Galicia, a páxina web de Presidencia ofrece xa a posibilidade de coñecer os detalles técnicos dos vehículos, acceder ás súas fotografías e mesmo concertar unha cita previa para visitar os garaxes do complexo administrativo de San Caetano antes da propia poxa.
O Goberno galego ten tamén preparado o prego de condicións do proceso de “alleamento” e subasta, que será supervisada pola Secretaria xeral da Consellería de Presidencia, Beatriz Cuíña, nas propias instalacións de San Caetano.
Neste documento, Presidencia ofrece, como na súa web, o detalle das características destes automóbiles, todos da marca Audi, e cuns prezos de saída que oscilan entre os máis de 30.000 euros dos vehículos adquiridos polo Goberno bipartito e os 9.140 euros cos que partirá un Audi A8 Quattro matriculado no ano 2000 e con máis de 225.000 quilómetros no seu haber.
Para poder optar a mercar un dos que foran coches oficiais dos conselleiros de Manuel Fraga e Emilio Pérez Touriño, os ofertantes deberán pór sobre a mesa, antes da propia subasta, o 20 por cento “do valor sinalado como tipo de licitación”, isto é, o prezo de saída de cada coche que desexe mercar, unha consignación que poderá ser realizada “en metálico” ou ben mediante “un cheque conformado de conta corrente”.
Quen así o faga, poderá participar nun acto no que o presidente da mesa da subasta “irá admitindo as posturas que gradualmente vaian mellorando” a oferta inicial e que terá que supoñer un incremento de 200 euros en cada nova oferta.
No prego de condicións, Presidencia especifica ademais que cada un dos vehículos “véndese no seu estado actual de conservación, que se poderá comprobar –explica– mediante visita” ao garaxe do Parque Móbil da Xunta, o mesmo no que aínda permanecen aparcados os tres Audi que serviran de vehículo oficial a Fraga e máis a Touriño.
“Previa concertación de cita”, apunta o prego, calquera interesado poderá acceder aos vehículos e mesmo “ser asistido por un técnico, que poderá examinalo”. Así, “unha vez adxudicado o ben –advirte– non se admitirán reclamacións sobre o seu estado”.

