En vésperas da reunión da AIEA en Viena, prevista para o próximo xoves 1 de outubro, increméntase a tensión en torno ao programa nuclear iraniano. Os factores de risco altéranse ante a revelación de que Teherán constrúe unha segunda planta nuclear (da que aparentemente Occidente non tiña coñecemento), e os recentes ensaios militares con mísiles Shahab e Ghadr de longo alcance, capaces de achegarse a Israel, as bases estadounidenses no Golfo Pérsico e as principais capitais europeas.
Observando os recentes pasos de Washington na area internacional comeza a apreciarse os efectos da diplomacia do presidente Barack Obama de cara a Teherán. O anuncio de retirada do escudo antimísiles en Europa do Leste foi unha evidente concesión de Obama a Moscova, a cambio dun apoio máis decidido para premer a Teherán de retomar as negociacións e as inspeccións da AIEA sobre o seu programa nuclear.
Este obxectivo asúmese aparentemente cumprido para Obama, tomando en conta as recentes declaracións do Kremlin durante o cumio do G-20 en Pittsburgh, na que se afastaba considerablemente da súa tradicional posición benevolente cara Teherán. Como socio militar, económico e nuclear de importancia, a súbita orientación rusa cara os intereses de Washington debe ser observado con atención por parte do goberno iraniano.
Teherán xoga decididamente á carta da disuasión a fin de achegarse cunha posición de forza á cita de Viena coa AIEA. Se ben o goberno iraniano declarou a súa aceptación de informar á ONU sobre a existencia e o alcance da súa segunda planta nuclear, non hai dúbidas sobre a súa decidida aposta por concretar un programa atómico que, a todas luces, eríxese como a súa carta máis prezada de seguridade nacional, en especial ante as pretensións de ataque “preventivo” por parte de Israel.
Obama comeza a observar con certa impaciencia a dinámica do goberno de Mahmud Ahmadíneyad, considerablemente desgastado trala represión postelectoral de xuño pasado que obrigou a formar un gabinete de forte presenza militar, a través da poderosa Garda Revolucionaria, auténtico polo de poder actualmente en Teherán. Se ben Obama semella disposto a manter, en trazos xerais, os principais aspectos da súa apertura diplomática cara Teherán expostas en abril pasado, a realidade xeopolítica obrigalle a constituír unha troika con Rusia que preme a Teherán a abrir unha nova rolda de negociacións, baixo os imperativos da AIEA.
Tras o seu recente discurso ante a Asemblea Xeral da ONU, Ahmadíneyad aclarou sentirse “disposto” a dialogar con Obama “en calquera momento e lugar”. Pero non é posible dar curso a un diálogo sen o consecuente carácter disuasivo que lle permita negociar cun mínimo de equilibrio.
Polo tanto, a segunda planta nuclear e os recentes ensaios misilísticos son a aposta de Teherán para seguir mantendo unha chave de iniciativa ante Obama e Occidente. E tamén un factor que explique unha correlación de forzas internas que, hipoteticamente, oculte as endas provocadas polos violentos sucesos postelectorais. A cita de Viena servirá así como un catalizador que revele ata onde están dispostos a chegar Washington e Teherán.
>> Roberto Mansilla Blanco é analista do IGADI
