A Xunta de Galicia está levando a cabo o desmantelamento dos proxectos tecnolóxicos vinculados a sociedade da información, que impulsara o goberno bipartito na pasada lexislatura. O 15 de setembro, a Administración confirmou o despedimento de sete traballadores do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre (Mancomún) e doutros programas tecnolóxicos, dando comezo a un proceso que rematará a finais de decembro. Outros sete empregados de proxectos de investigación e desenvolvemento foron botados onte, namentras aos técnicos da Fundación Calidade xa se lles ratificou por carta a data de finalización dos seus contratos. En total, 120 persoas perderán o seu traballo a finais de ano, segundo denuncia a CIG.
“Trátase dun despedimento masivo cando en todas partes se está apostando polo fomento da I+D; a Xunta, en cambio, despide a todo o cadro de persoal”, explica Manuel Gallardo Canitrot, secretario nacional de CIG Administración. Pola súa banda, dende a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, da que dependenden todas estas inciativas, limítanse a reponder que, de cara ao ano 2010, todos estes proxectos “serán adaptados ás liñas estratéxicas” do departamento e manterán a súa vixencia, aínda que non precisan como lles van afectar estes cambios.
Neste sentiodo, a CIG sinala que a data de finalización dos contratos está fixada para o 31 de decembro,momento no que finalizarán tanto os covenios asinados co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) como coas universidades, sen que exista previsión de renovación.
Suso Baleato, antigo coordinador de Mancomun, considera, en cambio, que “nun proxecto tecnolóxico o importante é o coñecemento, non os ordenadores, e iso está nos traballadores; se prescinden de todos eles, prescinden do proxecto”. “Eu entendo que para a Xunta a tecnoloxía non é unha prioridade”, di.
DISTINTOS CASOS
En concreto, a iniciativa máis afectada é a Rede de Dinamización da Sociedade da Información, destinada a favorecer o acceso ás novas tecnoloxías de diferentes sectores sociais, como maiores ou mulleres, e que conta cuns 80 centros en toda Galicia. Neste programa, hai 45 traballadores que perderán o seu posto. O mesmo ocorre no Observatorio Galego da Sociedade da Información, onde hai catro persoas adicadas á recollida de datos sobre o acceso ás TIC. Tamén están afectados empregados do mapa de infraestruturas –que determina os puntos de acceso a internet en Galicia–, cinco técnicos adicados ao mantemento de portais e plataformas tecnolóxicas e o persoal das oficinas universitarias que traballan en distintos programas de software libre.
Ademais, as partidas orzamentarias destinadas tanto ao desenvolvemento de programas de estándares abertos coma a proxectos tecnolóxicos deste tipo a través da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), máis de dous millóns e medio de euros, ?desapareceron; namentras que a actual Administración veu incrementando o gasto en licencenzas de Microsoft nos últimos meses.
A deputada do BNG, Ana Luisa Bouza, que xa fixera unha pregunta no Parlamento no mes de setembro sobre os despedimentos de Mancomún, explica que o obxectivo do bipartito era que “a Xunta asumira programas como Administración e que contratara ás persoas necesarias para levalos adiante”. A deputada considera, pola contra, que agora a situación é distinta. “Co PP, o que hai son subvencións a asociacións afíns en plan clientelar e para deixar a deber favores”, di.
