A primeira edición do Cultur.gal –que daquela se escribía cun punto no medio– celebrouse en Pontevedra no 2007, por iniciativa da Asociación Galega de Editores (AGE) e coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Pontevedra. Fran Alonso recoñece que era un tanto peculiar a situación de que unha feira que aglutinou a todas as industrias culturais do país estivese impulsada só dende o sector do libro, pero a acollida foi boa en todos os eidos e superáronse os 10.000 visitantes. “Para a seguinte edición, atopámonos cun problema–explica Alonso–, xa que tiñamos que contar cunha partida de axudas públicas máis cativa que o ano anterior”.
Xa que logo, a AGE decidiu cederlle a organización do Culturgal –“que perdeu o punto porque así era como lle chamaba a maioría da xente”– á propia Xunta, aínda que a propiedade da marca segue en mans da AGE. A feria mudouse á Coruña, medrou en orzamento e en ambición e pechou con 37.000 visitantes e cun bo sabor de boca en xeral. Porén, ao non ser a propietaria titular do Culturgal, a Consellería de Cultura non destinou nos seus orzamentos de 2009 unha partida de gasto especifíca para organizala, agardando concretar unha vez máis a colaboración cos editores galegos, nunha negociación que ficou esquecida tras o cambio de goberno. Polo tanto, para evitar problemas semellantes no futuro, a AGE busca agora implicar as outras industrias culturais de Galicia para crear unha feira “organizada dende a sociedade civil”.
