Os traballadores e directivos da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), manterán o vindeiro martes unha reunión na que se decidirá o futuro da planta Sigre de Cerceda –xestionada por Danigal S.A–, na que se clasifican os medicamentos en desuso recollidos nas farmacias e que ten un acordo coa firma pública para tratar as menciñas non perigosas.
Nun encontro mantido onte entre o secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito, e representantes do comité interempresarial do complexo de Cerceda –Sogama e subcontratas– acordouse que se falará cos directivos para saber se a empresa pública vai tratar ou non os fármacos que levan meses sendo acumulados en Danigal logo de que se descubrise que non eran valorizados, senón acumulados no vertedoiro de Areosa.
Os responsables da CIG, un dos sindicatos con representación no comité, consideran que de non chegar a un acordo, hai perigo de que peche a planta “a finais de ano”. “Parece o lóxico”, sinala o representante do sindicato, Xosé Luis Martín, quen considera que o lóxico é que Sigre traslade o tratamento de medicamentos a outra zona de España onde si poidan valorizar correctamente estes fármacos. Preguntados sobre este asunto, dende o organismo encargado da recollida de menciñas desbotan falar sobre o futuro da planta de Cerceda. A pesar de que recoñecen que os medicamentos que deben ser tratados “estanse almacenando” dende hai meses, aseguran que non hai nada decidido.
Porén, según puido saber Xornal de Galicia, xa está tomada a decisión de botar o peche.
De feito, o presidente de Sogama, Luis Lamas, recoñecía este verán en declaracións a Xornal ter a seguridade de que a planta de Sigre ía cerrar. O responsable da empresa pública sinalaba que o problema debíase a que o comité de empresa se opoñía a seguir realizando máis probas para obter un sistema adecuado para tratar ese tipo de lixo farmacolóxico. Ante iso, os traballadores emitiron un comunicado no que desmentían a Lamas. Agora, o vindeiro martes, tratarán de achegar posturas.

