O skugga-baldur é unha criatura da mitoloxía nórdica, unha besta voraz nacida da unión dun gato e unha raposa, unha figu-ra que aterra os homes nos invernos nevados. Porén, o Skugga-baldur do que fala o islandés Sjón nesta breve novela é un home, aínda que non moi humano, o reverendo Baldur Skuggason, pastor de almas da pequena vila de Dalur, na Islandia do século XIX.
Un día, Skuggasson saíu cazar un raposo, e rematou por cazarse a si mesmo. Outro día, un estudante de Ciencias Naturais, Fridrik B. Fridjónsson, atopa nunha rapaza con síndrome de Down todas as virtudes que cría imposibles nas persoas, cousa que lle cambia a vida.
As súas historias crúzanse en Dalur. Preséntanselle ao lector cando xa están en marcha e vanse desenguedellando paseniño, nun relato que xoga co tempo, coa presentación do texto na páxina e cos xéneros, dende a poesía en prosa á narrativa epistolar. Sjón constrúe a historia coma un crebacabezas, igual ao que fai un dos protagonistas durante a narración. De comezo as accións dos personaxes son inconexas, e as súas motivacións difíciles de entender, como as deses seres instintivos que poboan as novelas existencialistas.
Pero paseniño, vanse engadindo datos, vanse armando vidas, ata que todo chega a encaixar cunha precisión propia dese século XIX no que se sitúa a acción. O autor fai trucos co tempo da narración, saltando de atrás cara adiante para dosificar a información, para amosar as consecuencias antes das causas, armando un relato clásico con materiais vangardistas.
Sigurjón Birgir Sigursson (Rekjavík, 1962), o nome real de quen asina Sjón, ten ás súas costas once libros de poemas, sete novelas e varias experiencias no mundo da música, o cinema e a literatura infantil. Foi un dos fundadores do grupo poético neosurrealista Medusa, en 1979, pero é coñecido nestas terras ante todo por ser autor das letras de varias cancións de Björk, así como da banda sonora do filme que ela protagonizou, Dancing in the dark, de Lars Von Trier.
En Skugga-baldur, o amor de Sjón pola poesía déixase notar na composición dalgunhas páxinas de prosa como se fosen poemas. Ao comezo do relato, na cazaría do reverendo tras do raposo pardo, cada escena ten unha páxina para ela soa, xenerosa co papel en branco, e os saltos temporais correspóndense co momento no que o lector ten que virar a folla.
É esta unha novela breve, grazas a técnicas coma esta, máis breve incluso do que sinalan as súas 116 páxinas, pero sen unha coma máis da necesaria. Ao pechar o libro, todo o relato encaixa coma o crebacabezas que é, devolvendo unha imaxe non necesariamente fermosa, pero si certeira da humanidade que retrata.
Argumenta que a vinganza, a xustiza, a envexa, a mesquindade e mesmo o amor teñen ás veces unha brutal sinxeleza que se escapa ao ollo.
Editada por Rinoceronte, esta novela que gañou un dos premios literarios máis prestixioso de Islandia –o do Consello Nórdico– en 2005, é a primeira tradución que se realiza do islandés ao galego. O responsable da importación, Elías Portela, optou acertadamente por manter o título orixinal en lugar de seguir o exemplo doutras linguas que perderon a referencia mitolóxica e o xogo de palabras –El zorro ártico, en castelán, ou The blue fox, en inglés–.

