Coincidindo coa celebración do Día Internacional da Tradución, a Consellería de Cultura anunciou o mércores pasado que retomará a final de ano as axudas á tradución que paralizara en agosto. Un día despois, Xurxo Borrazás, Tareixa Roca e Luís García Soto compartiron mesa e fala en Xornal de Galicia con José Manuel Sande, programador do CGAI e colaborador deste suplemento, e varios membros da redacción. É outro dos cafés con letras organizados en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Por que hai que traducir?
Xurxo Borrazás. Hai que traducir porque a tradución é un sector estratéxico, e como tal é un sector en disputa. Non debería selo, porque en principio calquera estaría de acordo, sendo ou non galego, en que as traducións son unha cousa importante, pero aquí un dos dous polos da disputa é o inimigo: o actual Goberno da Xunta. Cando se presentou publicamente a miña tradución d’O ruído e a furia de Faulkner, un escritor galego que non escribe en galego, un destes que ten vara de mando fóra, díxome que a versión era boa pero que lle parecía que Faulkner non encaixaba ben no galego.Que é o que se quere dicir con esta clase de comentarios? Que traducir Porca terra, de John Berger, pode ser axeitado, pola temática e todo iso, pero Faulkner non, que vén ser o mesmo que dicir que o galego vale para a historia pero non para as matemáticas. En definitiva, que o galego non é unha lingua de verdade. Por iso molestan as traducións, porque apuntalan o galego como unha lingua de verdade.
Tareixa Roca. Os lectores dunha lingua poden acceder aos libros a través de dúas, tres ou catro linguas, como moito, así que sempre é necesario traducir, non só para o galego. Non me parece negociábel, non podes dominar todas as linguas.
T.B. Aínda que sería o ideal.
T.R. Si, pero é imposíbel.
X.B. Eu son partidario de ler nas versións orixinais. Un pode pensar que apoiamos a tradución os que queremos pechar a nosa leiriña, cando é todo o contrario. Nesa presentación do libro de Faulkner había un escritor norteamericano co que todo o mundo falaba en castelán, dicían, por deferencia, cando o tipo non falaba nin unha palabra de castelán. Logo, na cea, resultou que o único que podía falar en inglés era eu.
Luís García Soto. Se todas as linguas traducen, por que non vai traducir o galego? Non traduce a quilos o castelán? O que está en galego debe chegar o máis lonxe posíbel, e iso non pode acontecer en galego. Un amigo meu viu o outro día un exemplar de Arraianos, de Méndez Ferrín, no escaparate dunha libraría de Nova York. Paréceme perfecto, pero é unha excepción. Se queremos que chegue de verdade aló, hai que traducir a Ferrín ao inglés. E isto vale para calquera lingua. Se incorporamos a literatura universal, incorporámolo cos nosos moldes, e un molde básico é a nosa lingua.
Seguir lendo

