A lingua galega chegará por vez primeira a unha comisión da Organización de Nacións Unidas na voz da coordinadora da Executiva do BNG, Teresa Táboas.
Previsiblemente, será na mañá doe hoxe cando a ex conselleira de Vivenda interveña nunha comisión que departirá sobre a ocupación dos territorios do Sáhara Occidental. O cónclave servirá para “pedir unha vez máis a autodeterminación do pobo saharaui e condenar a violación dos dereitos humanos nos territorios ocupados”.
Táboas forma parte dunha delegación española que viaxou ata a sede da ONU en Nova York. Xunto a ela tamén participarán deputados dos parlamentos catalán, vasco e extremeño.
O galego non é lingua oficial dentro das Nacións Unidas polo que a nacionalista non terá a oportunidade de facer un discurso íntegro no idioma propio de Galicia. Non obstante, a nacionalista manifestou para Xornal que comezará a súa alocución “lendo catro frases en galego”. “Logo empregarei o inglés porque non temos o estatus de idioma oficial aquí. O discurso non pode ser único en galego, como non é idioma oficial aquí non hai tradutores”, explicou.
“A verdade é que non estaba certa, pero parece que vai ser a primeira vez que se escoite o galego nunha comisión, aínda que non a primeira vez na ONU porque xa o fixo Carlos Aymerich”, dixo Táboas.
“Dende logo, ademais de que falarei en galego porque é o meu idioma, aínda que sexa en catro frases, fágoo polo momento que estamos a vivir no que o noso idioma está a sufrir grandes agresións por parte do propio Goberno da Xunta”.
Referido tamén ao tema idiomático , o grupo parlamentario do BNG manifestou onte a súa intención de que tanto PP como PSOE “amosen a súa postura sobre a legalidade lingüística en Galicia”, ante o que o deputado Bieito Lobeira denominou “a volta ao franquismo” dos populares nese ámbito.
Neste senso, lamentou que “non lles sirva” nin a Lei de Normalización Lingüística de 1983, aprobada por unanimidade na Cámara galega, e na que se recolle a forma galega como única para a toponimia de Galicia, ao tempo que recordou que a “deturpación” dos topónimos foi unha “imposición franquista”. A este respecto, Lobeira recordou a polémica suscitada en A Coruña pola intención do PP de oficializar o ‘L’ .
Onte mesmo, o presidente provincial dos populares coruñeses, Carlos Negreira, sinalou que espera que o alcalde herculino, o socialista Javier Losada, “rectifique no asunto do topónimo”. O próximo luns celebrarase na cidade un pleno extraordinario por este motivo.

