A segunda edición do Festival Fase de Música Improvisada (FFMI), enmarcado dentro do Festival Sinsal de Outono, dará comezo os próximos 23 e 24 de outubro en A Coruña. Os organizadores da certame conseguiron atopar un espazo onde a música e o debate ideolóxico xogan un mesmo papel e se conxugan dun mesmo xeito tendo presente a reflexión das ideas e o debate.
A primeira das xornadas dedicarase enteiramente ao debate sobre o libro Ruido & Capitalismo editado por Arteleku xunto a un dos seus autores, o músico vasco Mattin. A cita terá lugar na Fundación Luis Seoane o día 23 de outubro de 17 a 21 horas.
O debate que leva por título Ruido & Capitalismo : Desfacer, entender e compartir o tempo xuntos ten como obxectivo interactuar tendo como base algún dos textos publicados no libro. A idea é ‘desfacer’, entender e compartir o tempo para explorar as posibilidades tanto políticas como creativas da situación mesma que se vaia xerando. A parte musical das xornadas terá lugar o día 24 de outubro tamén na Fundación Luis Seoane, e será o primeiro concerto conxunto de Mattin e Keith Rowe, músico británico fundador do grupo AMM e que ten colaborado con Cornelius Cardew, Toshimaru Nakamura, Sachiko M, Taku Unami e moitos máis. Será ás 21.30 horas e a entrada será libre.
VIGO
No mes de novembro darán comezo os concertos do Festival Sinsal na súa estación de outono que mesturarán o pop chegado dende fóra coa pegada nacional da man do ourensán Emilio José. O dúo noruegués Kings of Convenience, formado por Erlend Øye e Eirik Glambek Boe, será o primeiro convidado que presentará o seu último disco Declaration of Dependence –o próximo 3 de novembro as 21.00 horas no Teatro Caixanova–. Neste último traballo conseguiron situarse entre os cincuenta discos máis vendidos dos circuítos indies do Reino Unido e Estados Unidos, tan saturados de hypes e new big things. Os nórdicos están influenciados por grupos como Simon and Garfunkel, Nick Drake e o pop naif e divertido de Belle and Sebastian. A súa colaboración con Leslie Feist, a voz e a cara de Feist, axuda a encadralos dentro do pop contemporáneo. O silencio é o novo ruído, título do seu primeiro álbum, define á perfección o camiño deste dúo que unha vez máis trae do Norte unha proposta cálida e sinxela, para quentar a modo.
O Museo Arte Contemporáneo de Vigo (Marco) acollerá o 4 de novembro as 20.30 horas o concerto do selo islandés Bedroom Community. A unión de catro músicos, dous estadounidenses, un islandés e un australiano dan como resultado un grupo que se move do pop ao ambient e da música clásica á experimentación.
Os estadounidenses The Dodos encherán a sala do Marco (17 de decembro ás 20.30 horas) de ritmos psicodélicos para despedir a programación desta edición do festival. Meric Long, Logan Kroeber e Keaton Snyder (última incorporación) veñen de presentar o seu último traballo Time to Die (o terceiro da súa carreira)no que queda patente o que eles dan en chamar estilo Psych Folk, que comparte afinidades con Xiu Xiu, Iron and Wine, Animal Collective ou Six Organs of Admittance.
Outro dos invitados deste ano é o ourensán Emilio José, tras lanzarse en solitario co disco más estremeiro, heterodoxo e radical da colleita deste ano en Galicia: Chorando apréndese (Foehn Records, 2009). O seu traballo é unha sucesión dislocada de temas encabalgados que van dende a bossa até o hip hop entre samplers que dan conta da realidade galega recente.

