Sergio Algora non chegou ao final do disco. Pasoulle como a aquel ángel Simón do primeiro disco de Nacho Vegas. A forza de negarse a baixar a cabeza ao pasar por diante, os da funeraria acabaron tomándolle as medidas a traizón. Morreu pronto, antes de tempo, con 39 anos, o pasado 9 de xullo de 2008. Deulle tempo a abrir un local, o Bar Bacharach de Zaragoza, e a montar unha das bandas máis difíciles de clasificar na música española dos noventa, El niño gusano. Deixou oito libros atrás, entre coleccións de poemas, relatos e algunha peza de teatro, pero sobre todo deixou un sinal. Cando desapareceu, moitos recordaron o retrouso dunha das súas cancións, ‘En la clínica de la radio y la televisión’. “Mi cabeza es insustituible”, dicía.
Algora non é o único músico que escribe. Nacho Vegas, por exemplo, ten dous libros e un prólogo, nada menos que para a edición española de Guía, do seu respectado Dennis Cooper (Anagrama, 2006). Agora mesmo, de feito, hai dous músicos de libraría en libraría: Nick Cave, que vén de publicar en Global Rhythm a súa nova novela, La muerte de Bunny Munro, e Antonio Luque, quen tras participar no volume colectivo Matar en Barcelona publicou hai algunhas semanas, tamén en Alpha Decay, os dous relatos que compoñen o pequeno Socorrismo.
De lembrar a morte de Sergio Algora, e todo o que veu antes, encárgase Francisco Nixon, líder de Australian Blonde e compañeiro de ocorrencias de Algora na súa última aventura musical, aquel delirio chamado La Costa Brava dende o que confesaban, ollando para outra parte, que lles encantaban as pijas da súa cidade. Nixon, agora en solitario, é outro deses “músicos que escriben”, como os chama La Fábrica Editorial no último número da súa revista Eñe.
Con este pretexto, o de xuntar algúns deses compositores que tamén compoñen fóra das cancións, a publicación que dirixe Camino Brasa convidou a Nixon e a unha presada de músicos de varias xeracións a compartir papel e publicidade, nun volume coidado e puntuado polas ilustracións de Ceesepe, cos escritores Zoé Valdés e Rafael Chirbes.
Mentres Nixon (Xixón, 1971) retrata o seu amigo Sergio Algora en ‘Champán para todos’, lembrando ao compositor de El niño gusano repartindo copas no seu bar ao berro de “Algora ha muerto, champán para todos”, o galego Víctor Coyote (Pontevedra, 1958) recupera outro grande do pop español. En ‘Poch nunca se equivocó’, un texto exquisito, do mellor do volume, reescribe a morte do líder de Derribos Arias mentres revisa a imaxinería da movida.
Algo semellante fai Germán Coppini (Santander, 1961) con Michael Jackson, pero sen o sentido do humor nin a desapiadada e precisa prosa de Coyote. O que fora fundador de Siniestro Total e Golpes Bajos inventa outro final, lonxe desta galaxia, para o chamado rei do pop, exercicio de homenaxe e memoria sentimental que tamén ensaia Nacho Canut (Valencia, 1957), inseparábel compañeiro de aventuras de Alaska, agora tamén en Fangoria. No seu caso, con David Bowie no delirante relato de serie Z que é ‘Bowie, Zowie, Angie, yo y las tres reglas de oro’.
Fernando Alfaro (Albacete, 1963), ex Chucho e Surfin’ Bichos, completa o volume a canda Julio de la Rosa (Cádiz, 1972), compositor e cantante de El hombre burbuja, e o falecido Dee Dee Ramone (Virginia, 1952-Los Angeles, 2002), baixista e cofundador dos lendarios Ramones. E para pechar, Antonio Luque, mestre de letrista e icona do indie convertida en cantautor.
Estes ‘Episodios provinciales’ de Luque que publica La Fábrica na revista Eñe coinciden nas librarías co novo do líder de Señor Chinarro. Titúlase Socorrismo, dous relatos publicados por Alpha Decay que non han decepcionar a ninguén que teña na súa casa unha copia de El porqué de mis peinados (1997) ou Noséqué-nosécuántos (1998).
En realidade, tampouco os que se arrimasen ao sevillano nos seus últimos traballos, máis accesíbeis, se van deixar sorprender polo alambique narrativo de Luque en ‘La mina’ e ‘Socorrismo’. Se o de Sergio Algora en El niño gusano, como se fartou de repetir, non era surrealismo, o de Antonio Luque tamén.

