Miguel Barros: “O mapa político galego segue incompleto”

“Ramón Piñeiro vivira as dúas guerras, sabía que é máis fácil falar de construír un estado que construílo”, asegura o autor de Ramón Piñeiro e a revisión do nacionalismo
Iago Martínez Actualizado 20/10/2009 - 21:37 h.
2 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 12 voto/s

Para Miguel Barros (Cotobade, 1944), a política non acabou en 2006, cando tras protagonizar un pulso coa dirección do PSOE decidiu abandonar o partido no que militara dende 1978. Presidente de Promocións Culturais Galegas, empresa editora do semanario A Nosa Terra, e membro do consello de administración de Xornal de Galicia, dedicou os últimos nove anos a furar na inxente documentación que deixou atrás o galeguista Ramón Piñeiro na procura “dun retrato ideolóxico” do intelectual de Láncara. Ese obxectivo vese agora “razoablemente cumprido” coa publicación dos dous tomos de Ramón Piñeiro e a revisión do nacionalismo (Galaxia).

 

Experimentou, durante estes anos, o conflito entre a persoa e o personaxe, entre a memoria emocional que ten do lugués, co que compartiu grupo parlamentario, e o Piñeiro convertido en obxecto de investigación?

Eu non tiven comercio ideolóxico ningún con Piñeiro. Toda a miña cultura política vén do PSOE, non do galeguismo. O meu interese naceu da experiencia de compartir con el a primeira lexislatura do Parlamento de Galicia. Sempre sospeitei que a modestia e a discreción da súa actuación política pública ocultaban unha vida moito máis intensa. Era un home pouco dado ao diálogo. Escoitaba, pero intervía pouco. E efectivamente descubrín un torrente de documentación escrita, de reflexións persoais moi elaboradas, coa permanente sensación de que non tivo tempo de construír unha obra sistemática. Sorprendíame esa especie de conspiración de silencio en torno á súa figura. Agora que coñezo o miolo do seu pensamento, enténdoo mellor. Tivo a suficiente audacia como para resultar incómodo e exitoso ao mesmo tempo. Cal foi a súa audacia? Pensar que o principio das nacionalidades era un axioma que debía ser revisado, porque condenaba as nacións integradas nun estado plurinacional ao fracaso político.

 

Invócase a Piñeiro para case todo, ora como autor, ora como culpábel.

Piñeiro era ben coñecedor das sutilezas que agocha a negociación política entre partidos, e procurou niso extremar a súa discreción, pero xa coñecera a democracia e a liberdade, así que se converteu nunha referencia de alto interese político, e mesmo didáctico, para as xeracións que nos setenta e oitenta querían buscar solucións propias para Galicia a partir de principios xa superados. Tanto a revisión do marxismo como a do nacionalismo acometéranse cen anos antes en Europa.

 

Foi efectivamente o verdugo do nacionalismo político, como se di adoito?

A preocupación ideolóxica de Piñeiro era precisamente a contraria: buscarlle viabilidade ao galeguismo a través da incorporación da nación nunha estrutura federal dun estado que con modificar o seu reparto territorial do poder xa facía posíbel a pluralidade. Hai que ter en conta que Piñeiro vivira as dúas guerras, e sabía que é ben máis fácil declarar que unha nación ten que constituírse en estado que construír propiamente ese estado, que a violencia precisa para conseguilo estaba practicamente vedada a espazos culturais xa incorporados a outros estados-nación, como Galicia.

 

A historia política posterior, a decantación do actual sistema de partidos, levoulle a contraria ao seu prognóstico?

No BNG hai moita xente que ten a Piñeiro na súa práctica política. Outra cousa é que confesen non ter nada que ver con el ou mesmo que o condenen explicitamente. Son as contradicións que agocha a política. Con todo, o discurso de Piñeiro tiña unha inmensa vantaxe: achegaba o horizonte ideolóxico ao horizonte político. O nacionalismo actual non concita todo o apoio que necesita porque hai unha especie de recelo permanente dunha capa importante do electorado que cada vez está máis no centro do espectro e menos nos extremos. Ese é o problema do BNG, pero até onde eu sei refuga a revisión ideolóxica de Piñeiro.

 

De non ser no BNG, onde están os continuadores de Piñeiro?

Ninguén ten continuadores se non hai continuidade. O Partido Galeguista foi creado nunha determinada época para dar satisfacción a un obxectivo político expreso e, superados esa etapa e ese obxectivo, o electorado non o recoñeceu como o continuador lexítimo do gran proxecto galeguista. Ese é un baleiro que ficou aí á espera de que algún estado de opinión o faga abrollar e calle nunha organización política. Ou a que o propio nacionalismo referencie dentro da súa organización un espectro máis amplo. Gran parte do electorado, hoxe, non estaría disposto a apoiar os postulados do BNG até as últimas consecuencias.

 

No X Congreso do PSdeG, o seu último cónclave como militante socialista, vostede defendeu máis unha vez esa encrucillada histórica entre o socialismo e o nacionalismo. Fracasou?

Piñeiro cría que as grandes ideoloxías podían ser fecundadas polo galeguismo, e de aí que houbese que galeguizar os partidos estatais. Os que o intentamos no PSOE fracasamos durante trinta anos, o que demostra que talvez había que enfiar esa cuestión nunha forza política propiamente galega. Canto ao X Congreso, debo dicir que os partidos, a medida que se van achegando ao poder son máis reacios a innovacións. Dende a experiencia histórica da FSP, a Federación de Partidos Socialistas, a federalización orgánica do PSOE avanzou escasamente, e nesa medida, o discurso dos que defendiamos esa posibilidade foi ficando tamén sen espazo.

 

Pero en Cataluña si foi posíbel.

É que Cataluña, e tamén o País Vasco, xa nos levaba moita vantaxe dende a República. Xa tiñan unha densidade electoral importante, tiñan grupos parlamentarios importantes e personalidades que influían na política do estado. Non esquezamos que setenta e cinco anos logo de que os galegos tivesemos tres deputados no Parlamento do Estado, só mantemos dous: Olaia Fernández e Francisco Jorquera. Algo fariamos mal.

 

Cando vostede se pronunciou publicamente a favor de recuperar o entendemento co BNG no Concello de Vigo en 2004, tras a ruptura protagonizada por Ventura Pérez Mariño, o partido reprendeuno tamén publicamente. Deixou o PSOE por culpa de Pérez Touriño?

Deixei o PSOE por todo isto que estou dicindo. Eu levaba moito tempo madurando estas reflexións, e como son dos que cre que a acción política só é eficaz na medida en que é máis ou menos coherente co pensamento, intentei levalas á práctica. Xa que non o podiamos facer dentro do partido, pensei que era boa idea recomendarlle ao PSOE un acordo co nacionalismo para facer viábeis os postulados que necesita Galicia. Intentámolo no tripartito de Laxe en 1987 e tivemos éxito, aínda que logo perdemos as eleccións por un deputado. Intentámolo de novo na actualidade cando retomamos a colaboración co BNG, pero creo que o PSOE debeu ser máis atrevido, máis consecuente, e que na banda do nacionalismo as posicións foron extremadamente ríxidas.

 

Naquela altura, Touriño publicou un artigo durísimo condenando a súa “improvisación” nunha “orquestra”, a do PSdeG, na que só podía haber un director. Un ano despois, en 2005, el mesmo asinaría un pacto de goberno co BNG na Xunta. Se cadra ese artigo foi premonitorio, pero noutro sentido: Touriño nunca acabou de sentirse cómodo co nacionalismo.

Claro, e o electorado acabou percibíndoo. Estaban xuntos pero de costas, e iso desanima o electorado. A noite do 1 de marzo non se produciu un salto. Foi unha tendencia suave pero firme que viña a dicir que por ese camiño, non. De cara ao inmediato futuro, unha de dúas, ou recuperamos a cultura da coalición, que se podería poñer de manifesto na experiencia dun terceiro Estatuto de Autonomía, un deber político que todavía está enriba da mesa, ou completamos o espectro político galego con pezas que dean esperanza e acougo electoral aos que están circunstancialmente posicionados en torno dos partidos de ámbito estatal ou do nacionalismo. O electorado normalmente elixe entre o menos malo, porque non todas as ofertas están sobre a mesa, pero eu creo que o mapa político galego segue incompleto.

 

De quen é a responsabilidade?

Este cambio ten que vir de dentro do nacionalismo. Escoiteille dicir unha vez a Quintana que os partidos teñen que marcar o camiño facéndolle propostas ao electorado, pero a distancia entre esas propostas e o electorado non pode ser tal que ao cabo os votantes perdan de vista os partidos, como acontece moitas veces cos que se moven na vangarda ideolóxica, como é o caso do BNG.

 

De completarse o mapa político no sentido que cre necesario, volvería á política activa, de partido?

Non, eu creo que estas cousas pasan cando teñen que pasar. Morrerei facendo política, pero agora dunha maneira máis inocua: expresando libremente o meu pensamento. Un non pode desprezar nunca a enorme fortuna de vivir nun país libre e democrático.

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad
1
Erro histórico
Cabalecho
2009-10-12 17:02:23
O erro de Piñeiro foi a criación de "Realidade Galega" e virarlle as costas ao Partido Galeguista. Pretendía achegar ao poder a un fato de galeguistas da cultura nos distintos partidos do futuro abano parlamentar. Trabucóuse. Se houbesen turrado todos os galeguistas cara nun mesmo partido cara un mesmo horizonte, outro galo cantaría. Mágoa.
2
Vou compralo libro
duarciño
2009-10-12 03:29:20
Boa entrevista, animo ao sr Barros a criar o seu proprío blogue.saudos

Título:
Comentario:
Nombre:
Email: (no se visualizará)
Introduce la palabra de la imagen
Código de verificación para prevenir envíos automáticos.
kaptcha
Identificarse con:
  

Esta página publica todo tipo de opiniones, réplicas y sugerencias de interés general, siempre que sean respetuosas hacia las personas e intituciones.
Se aconseja un máximo de 15 líneas, que podrán ser extractadas por nuestra Redacción.
Los autores deben hacer constar: nombre y apellidos, y e-mail.
Aquellos textos que no se ajusten a estos criterios podrán ser retirados de la web.