Co caso Gürtel plenamente instalado en Galicia –onde naceu e tivo o seu laboratorio– son moitas as preguntas que quedan por aclarar por parte do PP galego e, polo tanto, polo seu máximo responsable, Alberto Núñez Feijóo. Estas son algunhas.
1) Pode Feijóo manterse á marxe do caso ‘Gürtel’ e as súas ramificacións galegas dos anos noventa?
Malia a evidente renovación, a traxectoria do PP galego é un continuo, polo que os actuais dirixentes da formación non poden obviar por completo o sucedido en anteriores etapas. Se, como se deduce do sumario, existe a clara sospeita dun financiamento ilegal do PP entre 1996 e 1999, é importante lembrar que os populares gañaron eleccións en vantaxe deshonesta sobre os seus rivais e que todo o que é hoxe o partido –por exemplo forza de Goberno– está directamente relacionado cos réditos daqueles anos, non tan afastados no tempo. Non pode esquecer iso Feijóo, como tampouco debe agochar que despois de 1999 –xa con Pablo Crespo no ostracismo dentro do PPdeG– as conexións galegas da trama continúan.
2) Pode Feijóo soster que non hai ningunha relación entre o PPdeG actual e a presunta trama corrupta?
O presidente da Xunta tería que ofrecer unhas explicacións máis profundas que a simple negación na que está instalado tanto el como a totalidade da súa formación. Logo de 1999 hai actos electorais de Aznar en Galicia ligados a Gürtel, campañas contratadas con Special Events por consellerías da mesma Xunta na que despois el entraría, traballos con empresas da trama solicitados por Rafael Louzán, actual líder do PP en Pontevedra, ou dubidosas operacións inmobiliarias co ex alcalde de Sanxenxo e o seu actual home forte ao pé do Lérez, Telmo Martín, polo medio. De todo iso debería saber algo Feijóo, porque son homes da súa confianza na actualidade e tamén porque el non apareceu nos populares galegos de súpeto e dende a nada, senón que era un home moi achegado ao partido, onde xa se sabía que Crespo e os seus non eran de fiar.
3) Pode Feijóo desvincularse da presenza de Pablo Crespo no Consello de Portos de Galicia ata 2005?
Sen dúbida, que Pablo Crespo –un dos cerebros da trama Gürtel e, non esquecer, tamén ex secretario de Organización do PPdeG– permanecera ata 2005 en Portos de Galicia representando á consellería de Política Territorial é o dato do que peor parado sae Feijóo, titular dese departamento de 2003 a 2005, e tamén un dos seus homes de confianza agora mesmo, o líder do PP na Coruña Carlos Negreira, presidente do organismo portuario naquelas datas. As súas explicacións polo momento foron confusas –hai diverxencias nas datas entre un e outro– ou avalaron unha neglixencia, a de non dar curso a presunta renuncia do actualmente encarcerado. Está por aclarar como foi posible que Crespo tivese presenza institucional en Portos grazas a Negreira e Feijóo cando tanto no PP de Galicia como no de Madrid xa se coñecían as súas sospeitosas manobras.
4) Pode Feijóo ver afectada a súa imaxe electoral por Gürtel?
Quizais non en Madrid, onde soa como alternativa a Rajoy, pero en Galicia, coa balanza de forzas máis equilibrada do que parece segundo a propaganda oficial, asuntos como Gürtel, a desprotección do galego, a conflitividade na educación ou a permisividade cos ERE’s están a mobilizar á esquerda e insistir nun escenario aberto.
