Os barceloneses Mendezt son un dos grupos españois que máis soan nas discotecas, en principio grazas ao seu tema ‘Future Sex’ inspirado polo orgasmatrón de Woody Allen, ao que lle seguiron outros temas con igual talento ao mesturar o punk cos sintetizadores electrónicos. Porén, agora tamén é doado velos nos escenarios, en directo, xa que están na xira de presentación do seu novo disco, Souvenir. Mañá tocan en Santiago, na Sala Capitol.
Están contentos con este Souvenir?
O certo é que está a funcionar moi ben tanto coa crítica como co público. Semella que a nova fórmula que probamos está a funcionar.
Nova instrumentación, non si?
Empregamos máis teclados e máis sons electrónicos. Reflíctese no disco e tamén no directo, que soa á vez máis electrónico e máis pop. Coido que melloramos sobre o escenario.
Como soa en directo un grupo de discoteca e pista de baile?
Pois é un dos momentos nos que máis gozamos. É cando podemos mostrar que o que parece música electrónica, executámolo nós coas nosas mans e instrumentos, en tempo real. Creo que iso é o que máis lle gusta á xente, ver que non somos un picadiscos nin un sintetizador electrónico.
Como foi que se lles ocorreu isto do casiopunk que din que fan?
Precisabamos unha etiqueta, porque os críticos vanche poñer unha aínda que non queiras. Vimos que ninguén acertaba ao facelo, así que decidimos inventarnos unha nós, que puidera ser o que nós quixeramos. Foi casiopunk porque mestura o son electrónico unha formación de banda tradicional, pero logo pode cambiar, podemos facer un vals e seguir chamándolle casiopunk porque ninguén máis a usa.
En Galicia, a xente baila nos concertos?
Teñen menos prexuízos en admitir que se están a divertir.
Onde teñen gardado o orgasmatrón?
Segue con nós, soando nos concertos e dando satisfaccións. Tomámosllo prestado a Woody Allen, no filme El dormilón, e usámolo para contar unha historia sobre a desaparición do sexo.

