“Mancomún é unha cousa, é un proxecto de goberno, e o apoio ao software libre é outra, é o que nos interesa a todos”. Son palabras do conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, no pleno do Parlamento celebrado onte. Respondía así á pregunta da parlamentaria do BNG Ana Bouza, sobre se a Xunta pensaba desmantelar o centro de referencia do software de fontes abertas.
Rueda insistiu en que o PP “cre no software libre igual có BNG, pero non en posicións dogmáticas”. En todo caso, Mancomún non encaixa nos novos plans porque, ademais de ser un proxecto do anterior goberno, en opinión de Rueda “era un centro de referencia, nada físico, unha especie de marca de software libre, que está moi ben, pero que non coordinaba nada”.
Cómpre lembrar que este organismo coordinaba o traballo e distribuía os recursos entre os diferentes grupos de usuarios de software libre de Galicia, que traduciron ao galego numerosas aplicacións informáticas e que contribuíron ao desenvolvemento do produto estrela de Mancomún: o sistema operativo Galinux. Niso, o Bipartito “estaba gastando medio millón de euros, pero agora toca optimizar recursos”, segundo Rueda.
MÁIS COORDINACIÓN, MÁIS BARATA
O conselleiro de Presidencia criticou a xestión do Bipartito, que “deixou un contrato ultimado con Microsoft” e que tiña “repartidas as competencias entre consellerías e así deixaban cousas por facer”. Fronte a iso, a Xunta ten “en fase de licitación pública –segundo Rueda– un plan para coordinar todo o que ten que ver coas TIC” e no que “unha parte importante vai ser a aposta polo software libre”. Un plan que “vai saír máis barato, pero non vai ser menos eficiente nin menos eficaz”, dixo.
A voceira do BNG, Ana Luisa Bouza, lembroulle a Rueda que máis dun cento de traballadores de Mancomún, así como da Fundación Calidade –as principais entidades de promoción e desenvolvemento de software libre no primeiro caso, e de I+D no segundo–, foron apartados dos seus postos de traballo ou están a punto de selo.
Como xa adiantara Xornal de Galicia, catorce empregados de Mancomún e doutros proxectos tecnolóxicos foron despedidos pouco antes de que rematara o seu contrato, incluído o coordinador da iniciativa, Suso Baleato. Na Fundación e no Cesga, máis dun cento de traballadores recibiron unha carta da nova dirección –que entrou en xullo deste ano– na que se lles informa de que o seu contrato por obra e servizo remata o 31 de decembro, sen darlles ningunha fórmula de continuidade.
Porén, Rueda asegurou no Parlamento que “só houbo un despedimento, que se produciu na Fundación Calidade, e era un técnico con estudos de Formación Profesional, polo que o seu despedimento non pon en perigo o proxecto”. Rueda insistiu en que “non vai haber despedimentos masivos no que se refire ao software libre”. Pola contra, o feito de que os traballadores despedidos sexan técnicos reforza a crítica do BNG, que insiste en que se trata de “despedimentos improcedentes”, precisamente porque non son postos “de carácter político”.
En todo caso, o traslado do asunto ao pleno do Parlamento tampouco conseguiu que a Xunta aclare a súa política de I+D. A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, responsable destes proxectos, non desvelou aínda as súas intencións, máis de sete meses despois de comezar a lexislatura. O único confirmado ata o momento é que se vai crear un “centro demostrador” de proxectos de software libre para empresas e que se está traballando nun plan integral de I+D, para o que non se especificou ningunha cuantía orzamentaria concreta.
