O software libre en Galicia está vivindo un momento de incertidume xeralizada. O substrato de grupos de usuarios que dedican o seu tempo, de xeito voluntario, a desenvolver aplicacións e adaptar as ferramentas estranxeiras ao galego, está preocupado polo silencio da Xunta ante o futuro do sector. A mensaxe oficial é que o goberno galego apoia abertamente o software de fontes abertas, pero non se concretou ningún proxecto.
Ante esta actitude, os grupos de usuarios de software libre, os guls, están desorientados: “O que nos ten máis desconcertados é a falta de concreción”, explica Denís Fernández, presidente do Grupo de Usuarios do GNU/Linux da Galiza (GLUG). “É lóxico que se produzan cambios importantes ao chegar un novo goberno, como o cambio de cargos de confianza, pero inquédanos que comecen a desmantelar infraestrutura, como parece que está pasando, antes de dicirnos como ou con que se vai substituír”, explica.
En concreto, refírese a Mancomún, o centro galego de referencia do software libre que, nas últimas semanas, viu como despedían ao seu coordinador e a seis empregados máis, sen que a Xunta dese explicacións sobre a continuidade da iniciativa. A maiores, máis dun cento de traballadores recibiron unha notificación de remate do seu contrato por obra e servizo a finais de ano na Fundación Calidade e a Rede de Dinamización da Sociedade da Información.
A ATOMIZACIÓN É UN PROBLEMA
O GLUG é un dos moitos grupos de usuarios que existen en Galicia. Son difíciles de contabilizar, pero actualmente funcionan arredor dunha quincena. A maioría teñen ámbito provincial ou local e dedícanse a desenvolver software, a traducir, a organizar xornadas de difusión, etc. O GLUG é un dos máis antigos e promove o movemento a nivel autonómico. “Temos un modelo de software libre moi atomizado, por iso estamos nun proceso moi longo para tentar organizarnos nunha federación, un ente que aglutine a todos estes grupos para compartir recursos, reducir infraestrutura, axilizar o traballo burocrático, para ofrecer o noso coñecemento común ao cidadán e tamén para ter un interlocutor de referencia do asociacionismo para falar coa Xunta”, explica Denís.
A futura fundación xa ten uns estatutos preliminares redactados e, en breve, reuniranse os representantes dos grupos de usuarios para revisalos e axilizar o proceso. Polo pronto, os grupos de usuarios enviáronlle unha carta aberta á Xunta pedindo explicacións, pero non recibiron contestación.
O 52% DAS TIC USAN ‘SOFTWARE’ LIBRE
Ata o de agora, o único que se comunicou desde a Xunta foi a intención de unificar as iniciativas de I+D, en xeral, baixo un único mando, e de crear un “centro demostrador” para promover o uso do software libre nas pequenas e medianas empresas. Esta idea non disgusta a ninguén, e menos ás empresas galegas do sector, asociadas boa parte delas en Agasol. O seu presidente, Roberto Brenlla, explica que “se implica máis cifra de negocio, perfecto; e se axuda a abrirlles os ollos a máis empresas, mellor”.
O sector tampouco escapa á crise económica, a pesar de que o Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI) vén de publicar un estudo que afirma que o 52% das empresas galegas de tecnoloxías da información e da comunicación empregan software libre.
