Para todos aqueles que traballan nas fronteiras dos xéneros sempre houbo defensores arriscados e críticos conservadores. Sábeo ben Posy Simmonds, que aínda neste último Viñetas desde o Atlántico ao que foi convidada tivo que asistir ao debate sobre se a súa obra Tamara Drewe (Sinsentido, 2009) debería clasificarse como cómic ou como libro ilustrado. Porque na súa particular versión da novela de Thomas Hardy Far From Maddening Crowd, esta británica optou por combinar a prosa, o debuxo e as viñetas en lugar de ficar dentro dos límites impostos por cada medio. Se finalmente houbese que poñerlle unha etiqueta a gusto de todos, Tamara Drewe podería considerarse un experimento transfronteirizo entre a banda deseñada e a literatura.
Con el, Simmonds demostra a eficacia da linguaxe do cómic como medio narrativo e o potencial evocador do debuxo, pero tampouco dubida en conxugalo co texto escrito para dar conta dos pensamentos dos personaxes. Así, o clásico bocadillo con silueta de nube é habilmente substituído polo monólogo interior, introducindo unha tipografía particular para cada personaxe á vez que constrúe a historia desde tres perspectivas diferentes: a de Beth Hardiman, sufrida esposa de novelista de éxito e responsable do Retiro Stonefield para escritores; a de Glen Larson, un profesor universitario abafado polos prazos de entrega do seu próximo libro; e a de Casey Show, unha adolescente aburrida da monótona vida no campo. E como motor principal aí está Tamara Drew, que acaba de regresar á súa vila natal tras operarse o nariz para remexer por completo a rutina dos seus habitantes.
Sabedora do seu atractivo, Tamara non dubida en empregalo para conseguir o que quere, desde que lle coiden a granxa familiar ata sacarlles información aos seus veciños coa que encher a súa columna semanal na prensa barata. Unha vontade de sedución que lle acabará por traer graves consecuencias, converténdoa en cómplice de segredos e vítima de envexas e paixóns.
Con todo, Simmonds non pretende construír un relato moralista ao seu redor. Tamara non é unha desapiadada femme fatale nunha vila de inocentes campesiños –máis, cando os campesiños son unha especie en extinción, substituída por ricos urbanitas londinienses de fin de semana–. Covardes, mentireiros, manipuladores ou simplemente aloucados, os seus habitantes forman parte dun retrato divertido e cruel da Inglaterra rural contemporánea que Simmonds ilustra con fermosos debuxos cheos de detalles sobre a arquitectura, a decoración ou a paisaxe tradicional da campiña británica, importante non só como espazo da acción, senón tamén como marcador natural do paso do tempo, do verán ao outono e do inverno á tráxica primavera que pon fin á historia. Un ritmo pausado que combina co seu estilo sinxelo, próximo ao cartoon das tiras publicadas na prensa británica, aquelas que acolleron por primeira vez de forma seriada as páxinas de Tamara Drewe. Agora, a díscola columnista con aspiracións de escritora prepara o seu salto ao cinema, da man de Stephen Frears.

